Buscador
Noticias
A programación presentada hoxe comprende a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Massó, en Bueu; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei. O programa expositivo vai acompañado dun amplo plan de actividades xa consolidado en cada un dos centros museísticos, exercendo tamén así como importantes puntos de dinamización cunha coidada oferta de lecer cultural.
A cidade da Coruña acollerá o vindeiro xoves 3 de abril a cerimonia de entrega dos XXIX Premios María Casares de Teatro, que congregará no Teatro Rosalía Castro unha ampla representación do sector escénico galego. Con dirección e dramaturxia de Fernando Dacosta, a compañía Sarabela Teatro será a encargada de conducir a gala desta 29ª edición, que tomará como referencia o concepto clásico das compañías ambulantes reflectido no cartel deste ano para poñer o foco nos diferentes oficios profesionais que conforman o feito teatral. O elenco estará integrado por Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira.
O festival de música independente Facela Fest vaise celebrar na capital lucense os días 8, 9 e 10 de maio. Entre os grupos e artistas confirmados figuran The Undertones e Christina Rosenvinge, xunto con outros nomes nacionais e internacionais como VVV [Trippin'you], Margaritas Podridas, Stompin' Riffraffs, Marcelo Criminal, Black Ends, Kokoshka e Las Petunias. Tamén haberá presenza de bandas de Lugo e doutros lugares de Galicia como Grande Amore, Moloch, Pladür, Jade 4 ou Los Revelators. A inauguración está prevista para o xoves 8 de maio no Club Clavicémbalo, mentres que os concertos do venres 9 e o sábado 10 serán no exterior do auditorio Gustavo Freire.
O conselleiro de Educación, Ciencias, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión de traballo en Bruxelas co director adxunto da Dirección Xeral de Redes de Comunicación, Contidos e Tecnoloxías da Comisión Europea, Thomas Skordas, para presentarlle a aposta que está a realizar Galicia pola supercomputación e as tecnoloxías profundas, como a cuántica e a intelixencia artificial, e as actuacións que se están a desenvolver neste eido. No marco da súa visita a Bruxelas, onde estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o conselleiro trasladoulle ao representante da Comisión Europea os importantes investimentos que está a realizar Galicia nestas áreas.
Foi presentada hoxe no Parlamento Europeo a mostra 'José Rodríguez. O matemático do Bermés', un novo fito na divulgación do legado deste científico galego, cunha fonda pegada a nivel internacional, coincidindo co bicentenario do seu pasamento. Trátase da última parada dunha mostra que comezou en Santiago de Compostela e continuou en Lalín e Madrid. Agora culmina no corazón da Europa, o que dá mostra da relevancia que o Matemático Rodríguez tivo e ten como figura universal da ciencia. A mostra, que contribuirá a divulgar a Matemático Rodríguez entre os representantes da política comunitaria e os visitantes do Parlamento, expón as súas contribucións á ciencia e reivindica o seu papel como unha das mentes máis brillantes de finais do século XVIII e principios do XIX.
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, publica na súa páxina web o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana 12 do ano, que determina que a intensidade da gripe en Galicia se mantén baixa e a tendencia comeza a ser decrecente. Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria reduciuse un 14 % con respecto á semana previa, con 38,6 consultas por 100.000 habitantes. O descenso da taxa de consultas por gripe en atención primaria obsérvase nas sete áreas sanitarias e en todos os grupos de idade.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño destacou hoxe que as operacións de prioridade 1 realizadas polo Servizo Galego de Saúde en 2024 medraron un 10,7 % e, aínda así, reduciuse o tempo de espera media en 3,5 días. No Pleno do Parlamento Gómez Caamaño remarcou que en 2024 a sanidade pública superou por primeira vez as 200.000 cirurxías nun único exercicio. 'Outro dos grandes froitos do noso compromiso coa priorización é a diminución ata os 17,1 días do tempo de espera cirúrxica para as prioridade 1, diminuíndo o acceso en 3,5 días desde 2023 e nun total de 12 días desde o 2009', remarcou.
A recollida selectiva de envases de vidro en Galicia supera as 47.000 toneladas en 2024, segundo o balance anual de Ecovidrio, que é a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe deste tipo de envases en España. Segundo estes datos, cada galego depositou, de media, 17,4 kg de envases de vidro no contedor verde, o equivalente a 60 envases por persoa. Por provincias, A Coruña liderou a aportación cidadá á recollida selectiva de vidro, con 17,8 quilogramos por habitante; seguida de Pontevedra (16,1 kg/hab), Ourense (14,8 kg/hab) e Lugo (14,6 kg/hab). Cómpre salientar o caso do concello de Santiago de Compostela, que coa recollida de 28,3 quilogramos por habitante, se sitúa entre as tres capitais máis recicladoras de España, só por detrás de San Sebastián (37,3 kg/hab) e Pamplona (31 kg/hab).
Entre as súas moitas posibilidades, a intelixencia artificial axuda a proporcionar servizos públicos máis áxiles, personalizados, accesibles e seguros. A Comunidade galega conta agora cunha norma que garante a eficacia desta tecnoloxía, pero tamén o respecto aos dereitos das persoas e a súa seguridade. A lei non só regula o seu uso na Administración e nos servizos públicos, senón que tamén establece os mecanismos de promoción e apoio á implantación de sistemas de IA por parte das empresas. Desde hoxe, todos os sistemas que conteñan intelixencia artificial teñen que asegurar previamente a súa eficacia, que non causan prexuízos ou discriminacións, e que son seguros e fiables.
A sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acollerá os vindeiros 28 e 29 de marzo a estrea de Cicatriz, espectáculo de danza contemporánea coproducido por Artestudio e o Centro Coreográfico Galego, que aborda por primeira vez a inclusión nesta disciplina. A peza, con dirección e coreografía da bailarina galego-cubana Kirenia M. Acosta, pon en escena o poema homónimo do artista galego Antón Reixa nunha proposta interpretada a dúo por ambos os dous. Cicatriz é unha obra de trescentos versos que comezan coa palabra 'quero'.