
Galicia convértese hoxe na primeira rexión europea en ter unha lei que regula o desenvolvemento da intelixencia artificial. Así o puxo en valor o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, tras a aprobación da norma no Parlamento galego.
Desde xeito, a Xunta é a primeira administración pública española que dispón de criterios e procedementos específicos e regulados por lei para garantir os dereitos e a seguridade das persoas ante o uso desta tecnoloxía.
Miguel Corgos lembrou que, entre as súas moitas posibilidades, a intelixencia artificial axuda a proporcionar servizos públicos máis áxiles, personalizados, accesibles e seguros. A Comunidade galega conta agora cunha norma que garante a eficacia desta tecnoloxía, pero tamén o respecto aos dereitos das persoas e a súa seguridade. A lei non só regula o seu uso na Administración e nos servizos públicos, senón que tamén establece os mecanismos de promoción e apoio á implantación de sistemas de IA por parte das empresas.
Desde hoxe, todos os sistemas que conteñan intelixencia artificial teñen que asegurar previamente a súa eficacia, que non causan prexuízos ou discriminacións, e que son seguros e fiables. Garante, ademais, que se poderá solicitar que calquera decisión tomada coa axuda da IA sexa revisada por unha persoa.
Esta norma tamén regula os mecanismos de promoción, formación e capacitación dirixidos á cidadanía e aos sectores de actividade. Para o conselleiro de Facenda e Administración Pública, con esta lei Galicia mantense na vangarda para un uso da intelixencia artificial adaptada ao noso territorio e á nosa poboación, e ao servizo do benestar e da xeración de riqueza.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.