Buscador
Noticias
A repotenciación dos 25 parques eólicos máis antigos de Galicia, por superar os 25 anos de antigüidade, permitirá a retirada de máis de 800 aeroxeradores da paisaxe galega, que quedan reducidos a unha media de 120. A día de hoxe, os cinco parques eólicos que hai en Galicia xa repotenciados están na provincia da Coruña: en Zas, Corme, Cabo Vilán, Malpica e entre Mañón e Ortigueira (Serra da Panda II). Á espera de coñecer os datos do informe anual de Rede Eléctrica, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con maior produción eléctrica a partir da forza do vento (9.086 GWh). A eólica foi a tecnoloxía renovable que máis GWh achegou durante 2023 ao mix enerxético autonómico, ata o 38,1 %.
Tivo lugar hoxe a presentación danova edición do podcast literario Entreliñas, o programa en formato radiofónico impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para dar a coñecer a actualidade literaria galega e a actividade das bibliotecas públicas. Trátase dunha fórmula atraente para achegarnos ao mundo do libro dunha maneira diferente cun formato que se adapta aos tempos de hoxe', e polo que xa teñen pasado autores e autoras como Marilar Aleixandre, Ismael Ramos, Estíbaliz Espinosa, María Solar, Ledicia Costas ou Dores Tembrás. Nesta edición dáse continuidade con nomes como a escritora Fina Casalderrey, que opta ao premio internacional Memorial Astrid Lindgren. Os oito capítulos que se emitirán a partir de abril tamén porán o foco nos grandes acontecementos de 2025.
Fernando Calvet acaba de ser elixido Científico Galego do Ano pola Real Academia Galega de Ciencias. Introdutor da bioquímica moderna en España, modernizou a química orgánica en Galicia e é considerado iniciador da investigación química na USC, nos anos 30 do pasado século. A Academia salienta que 'achegou un novo xeito de entender a Química na nosa comunidade' e que 'colaborou eficazmente no desenvolvemento de Galicia coa súa contribución científica aplicada á industria, sendo un pioneiro neste labor'. Aínda que o acto central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro no marco do Día da Ciencia en Galicia, durante todo o ano programaranse diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas relevantes contribucións.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou convocar unha nova edición do 'Bono alugueiro mocidade' por un importe de preto de 13 millóns de euros. Tal e como explicou a apertura do prazo de presentación de solicitudes comezará 'o vindeiro día 28 de febreiro' e prolongarase durante un mes, é dicir, remata o 28 de marzo. O obxectivo deste programa é facilitarlles aos mozos e mozas menores de 36 anos o pagamento da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros ao mes, sempre e cando esta contía non supere o importe que aboan en concepto de arrendamento.
Na actualidade, preto de 6.000 pacientes cardiolóxicos reciben asistencia a domicilio a través da plataforma TELEA, cuxo enfoque integral fai única esta ferramenta tecnolóxica a nivel internacional, tanto no ámbito sanitario como no socio-sanitario. O Servizo Galego de Saúde ten implantada en todas as áreas sanitarias a interconsulta electrónica en cardioloxía, unha ferramenta que favorece a conexión directa entre profesionais de atención primaria e hospitalaria e facilita o seguimento ou derivación do paciente cando sexa estritamente necesario.
O Centro Galego de Arte Contemporánea ofrece a mostra 'Resignificacións', que se poderá ver ata o mes de setembro. Trátase dunha exposición comisariada por Alicia Murría que traza un percorrido pola produción artística de Concha Jerez, galardoada co Premio Nacional de Artes Plásticas en 2015, entre outros galardóns, e José Iges, recoñecido compositor, intérprete, teórico da arte sonora e, ademais, destacado creador de radioarte. Aberta ata o 7 de setembro, Resignificacións é unha confluencia de linguaxes onde conviven imaxes fixas e en movemento, sons, fotografías, obxectos reutilizados, entrevistas, obras ideadas para radio, videoperformance ou documentos, Jerez e Igés compoñen unha especie de paisaxes visuais e sonoras que analizan o mundo que nos rodea.
Tradicións e rituais, música, espectáculo, gastronomía, humor e moita festa percorren as catro provincias galegas durante un mes. A programación destas citas está recollida no 'Entroido en Galicia', a guía editada por Turismo de Galicia sobre as celebracións de carnaval que teñen a categoría de interese turístico na comunidade. Estas son unhas festas que van máis aló da propia semana do Entroido do sábado, 1 de marzo, ao mércores de Cinza, o día 5. Xa desde o 7 de febreiro comezaron nalgunhas das citas os festexos, que se prolongarán en varias localidades ata o domingo 9 de marzo. As celebracións manteñen o seu carácter ancestral, lúdico e tamén humorístico, na forma de máscaras, desfiles, concursos de disfraces e comparsas.
Galicia propón este ano un total de 116 praias -41 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 59 á de Pontevedra- como candidatas a optar ao galardón Bandeira Azul 2025, uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros. Con 116 praias propostas, Galicia é a terceira comunidade que formalizou máis candidaturas este ano, só por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía, que presentaron 157 e 151 praias, respectivamente. Haberá que agardar ata mediados do mes de maio para coñecer a listaxe definitiva de areais galardoados.
Galicia será a sede da próxima edición da xornada sobre enfermidades minoritarias: Únicas Talks: Enfermidades minoritarias, raras pero non invisibles, unha excelente ocasión para compartir con expertos internacionais e dar a coñecer as novidades e boas prácticas que se están a levar a cabo neste ámbito. Trátase dunha iniciativa do Hospital Sant Joan de Déu, de Barcelona, e a Fundación La Caixa, na que se establece un foro para compartir os últimos avances e tendencias na xestión clínica, o diagnóstico precoz e o desenvolvemento de novas terapias no ámbito das enfermidades minoritarias.
A Xunta insta ao Goberno central a concluír xa o traspaso dos recursos precisos para que Galicia poida exercer as súas competencias sobre o litoral. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reclamou hoxe no Parlamento ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática axilidade no procedemento para concretar os medios materiais e persoais así como a valoración do custo efectivo asociado para que a Comunidade poida exercer a ordenación e a xestión sobre a costa. Nesa liña, a conselleira explicou que o ministro, Ángel Víctor Torres, respondeu o pasado día 7 de febreiro á carta que lle enviara o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o 17 de xaneiro sobre esta cuestión.