Noticias

Presentada a nova convocatoria do Bono alugueiro mocidade cun orzamento de preto de 13 millóns durante dous anos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou convocar unha nova edición do 'Bono alugueiro mocidade' por un importe de preto de 13 millóns de euros. Tal e como explicou a apertura do prazo de presentación de solicitudes comezará 'o vindeiro día 28 de febreiro' e prolongarase durante un mes, é dicir, remata o 28 de marzo. O obxectivo deste programa é facilitarlles aos mozos e mozas menores de 36 anos o pagamento da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros ao mes, sempre e cando esta contía non supere o importe que aboan en concepto de arrendamento.

Trátase de facilitarlle o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento ou de cesión de uso á xente nova con menos ingresos económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias. A subvención concederáselles por un período de dous anos, coa posibilidade de recoñecer o dereito á axuda desde o 1 de xaneiro, sempre que o contrato estivese vixente nesa data. Para contratos asinados con posterioridade, concederase desde a data do contrato, sen que poidan concederse con posterioridade ao 31 de decembro do 2026.

Para poder acceder a estes incentivos, Rueda explicou que ademais de “ser menores de 36 anos” no momento de pedir a axuda, os solicitantes deberán dispor dunha fonte regular de ingresos, “acreditar que estes non superan 3 veces o Iprem (25.200 euros)” e certificar que a vivenda en cuestión é a súa residencia habitual, entre outros requisitos.

En canto ao importe da renda de alugueiro, non poderá superar os 700 euros nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra. No caso dos municipios de Lugo, Ferrol e as contornas da cidades, esas contías máximas oscilarán entre os 600 e 500 euros. No resto dos concellos, a renda de alugueiro das vivendas non poderá exceder os 400 euros. Inclúese o cadro do importe da renda mensual de alugamento.

Antecedentes

O Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 prevén que o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana lles transferirá fondos ás comunidades autónomas, que son as encargadas da convocatoria e xestión da axuda.

Así, a Xunta publicou en xuño do 2022 a convocatoria das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade, cunha dotación de 22,8 M€, a metade para 2022 e a outra metade para 2023. Baixo esta convocatoria concedéronse 5.253 axudas e esgotouse o orzamento.

A nova convocatoria

Na Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana convocada polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana o 3 de outubro do ano pasado acordouse, por unanimidade, unha nova distribución entre as comunidades autónomas dos fondos do bono alugueiro mocidade, e o Ministerio negoues a atender a solicitude de modificar o real decreto que establece as bases para evitar os problemas da convocatoria de 2022, na cal quedaron sen axuda persoas que cumprían os requisitos.

A realización no mes de outubro da conferencia sectorial fixo imposible realizar a convocatoria da axuda en 2024, que sería factible de se ter realizado esta a comezos de ano. Deste xeito, a distribución de fondos foi aprobada polo Consello de Ministros o 15 de outubro, e posteriormente pola Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana.

Este fondos foron liberados en decembro de 2024, o que posibilita que agora a Xunta lance esta nova convocatoria de axudas, que sairá publicada cunha dotación de case 13 M€. Dese total, 11.400.000 euros corresponden á nova achega do Ministerio e resulta ser exactamente a metade do asignado en 2022.

A Xunta complementará eses fondos, ata acadar os preto de 13 M€, coa achega de 1.554.936 euros do remanente da convocatoria de 2022. Estes fondos corresponden a renuncias de adxudicatarios que finalmente non presentaron as xustificación correspondentes para o seu cobramento, polo que agora se incorporarán nesta nova convocatoria, autorizada hoxe no Consello da Xunta.

Rueda indicou que o Goberno galego lamenta a tardanza na transferencia estatal do crédito desta convocatoria, que ademais é insuficiente, tendo en conta que se “corresponde coa metade do asignado en 2022”, é dicir, tan só 5,7 M€ cada exercicio.

R., 2025-02-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (wos-festival-2025.jpg) A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos. A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza.
Foto de la tercera plana (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.

Notas

Charo Lopes (Boiro, 1988) é a gañadora do XXIII Premio González Garcés de Poesía, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra 'O diálogo das siamesas', presentada baixo o seudónimo de María Dolores Oliveira. Charo Lopes é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2010), titulada superior en Fotografía Artística pola ESAD Antonio Faílde (2012) e Máster en Literatura, Cultura e Diversidade pola Universidade da Coruña (2018).
Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES