Buscador
Noticias
A artista Bewis de la Rosa, impulsora do rap rural, e o dúo galego ALARIDO subirán esta semana ao escenario de Atardecer no Gaiás. O ciclo de concertos ao aire libre, impulsado pola Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude a través da Cidade da Cultura, continúa este xoves e venres con dúas propostas multifacéticas, innovadoras e descaradas para bailar coa posta do sol. Os concertos serán ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con entrada libre e gratuíta.
A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), formou durante o primeiro semestre do ano a máis de 5.000 persoas no eido da xestión sostible dos residuos municipais. Estas accións divulgativas, impartidas en sesións presenciais polos educadores da empresa pública, repartíronse por distintos municipios das catro provincias da comunidade. A celebración destas xornadas dá resposta ás necesidades trasladadas por concellos, centros educativos e outros colectivos sociais para que, mediante charlas, cursos ou talleres, o público participante aprenda como é a óptima xestión tanto dos residuos que se xeran nos fogares como nas empresas.
Os centros de Infantil e Primaria comezarán o curso o vindeiro 11 de setembro cun total de 174.998 alumnos, o que supón un descenso de 4.030 estudantes respecto ao curso 2023/24. A pesar deste descenso de matrícula, estes centros contarán co mesmo número de aulas. En concreto, no caso dos colexios públicos, haberá en funcionamento 7.336 aulas, dúas máis ca no ano académico que vén de rematar. Ademais, o número de mestres incrementarase nestes niveis respecto do ano anterior, con novas incorporacións ata o mes de setembro. A aplicación do acordo sindical permite manter abertas 204 aulas que, coas rateos anteriores, pecharían. Estímase que o acordo vai permitir manter arredor de 900 aulas abertas nos tres próximos cursos.
O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2024 incorpora novidades en diferentes eidos, como a prevención e a vixilancia. O Pladiga, cuxas actualizacións foron aprobadas polo Consello da Xunta, estrutúrase en varios plans específicos, como son o de prevención (xa informado polo Goberno galego o pasado día 15 de abril); o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o de extinción e o de formación. Este plan contempla a adquisición de seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes, que permiten facer traballos preventivos de roza (incorporando, de accesorio, un brazo lateral con disco de corte) e de extinción, ao dispoñer de espazo para depósito de auga con lanza e enganches para mangueiras e soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias.
A Xunta reforza as medidas preventivas fronte ao mpox, máis coñecida como varíola do mono, e proporá ao Ministerio de Sanidade, nas reunións desta semana entre o Goberno central e as comunidades autónomas, no marco da Ponencia de Alertas Epidemiolóxicas e da Comisión de Saúde Pública, que se intensifique a información sobre esta enfermidade (características, síntomas, países con brotes, etc.) nos lugares que reciben viaxeiros das zonas afectadas pola nova variante desta enfermidade. O obxectivo do Executivo galego é que o viaxeiro dispoña de toda a información para que, en caso de aparición de síntomas característicos como poden ser as lesións na pel, saiban que facer e onde acudir.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Secretaría Xeral da Emigración, vén de publicar a listaxe dos 250 mozos galegos do exterior que, grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cursarán un mestrado nalgunha das tres universidades galegas durante o próximo curso. Estes 250 seleccionados proceden de 22 países distintos, destacando especialmente nesta oitava edición do programa A Arxentina, O Brasil, O Uruguai, Venezuela ou países europeos como o Reino Unido, Francia, Alemaña e Países Baixos. Entre os admitidos, 113 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 98 na Universidade de Vigo (UVigo) e 39 na Universidade da Coruña (UDC).
Os centros de FP galegos van contar este ano cun total de 100 aulas de emprendemento, 15 máis que no 2023. Con este programa, a Xunta de Galicia busca canalizar as iniciativas emprendedoras do alumnado para así mellorar as perspectivas laborais dos mesmos, fomentando o emprendemento e facilitándolles entrar en contacto con elementos e ferramentas do mundo laboral. Cun investimento de 500.000 euros este ano e un total de 1.380.000 euros desde o 2021, a iniciativa entronca cos obxectivos da Estratexia FP Galicia 2030 e do Plan Innova FP Galicia, as follas de ruta do Goberno galego para continuar consolidando estas ensinanzas ao longo da década.
O Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, amplíase a máis centros e alumnos no próximo curso 2024-2025. A Xunta de Galicia publicou hoxe no Portal Educativo a resolución cos oito centros que se incorporan e os 45 que continúan neste programa. Trátase dos institutos IES Punta Candieira (Cedeira), IES A Sardiñeira (A Coruña), IES de Cacheiras (Teo), IES de Rodeira (Cangas) e IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa); así como dos colexios CPR Plurilingüe Alca (Ames), CPR Plurilingüe Cristo Rey (A Coruña) e CPR Plurilingüe Las Acacias (Vigo).
A Xunta impulsou unha bolsa de voluntarios para a cobertura dos Puntos de Atención Continuada; un programa especial de apoio á atención primaria por parte do persoal do 061; unha oferta de mobilidade temporal e voluntaria cara a aqueles centros que precisen reforzos; e a encomenda de funcións aos médicos residentes de cuarto curso, para que poidan axudar no verán de xeito voluntario, incentivado e baixo supervisión. Deste xeito, reforzáronse os centros de saúde, os PAC e urxencias hospitalarias con 111 médicos residentes, 104 de medicina familiar e comunitaria e 7 de pediatría, que se sumaron á encomenda realizada polo Sergas nos últimos meses da súa formación.
A principios deste ano, o sector forestal-madeira foi declarado como sector estratéxico, o que supuxo un forte pulo para a súa actividade económica e industrial por parte da Xunta de Galicia. Máis recentemente, o Consello ampliou a estrutura, as competencias e os recursos da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), integrada na Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de mellorar aínda máis a súa competitividade e a calidade e o valor engadido do produto autóctono.