Noticias

O Pladiga 2024 incorpora novos vehículos, máis tecnoloxía e formación para o persoal de loita contra os incendios forestais

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2024 incorpora novidades en diferentes eidos, como a prevención e a vixilancia. O Pladiga, cuxas actualizacións foron aprobadas polo Consello da Xunta, estrutúrase en varios plans específicos, como son o de prevención (xa informado polo Goberno galego o pasado día 15 de abril); o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o de extinción e o de formación. Este plan contempla a adquisición de seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes, que permiten facer traballos preventivos de roza (incorporando, de accesorio, un brazo lateral con disco de corte) e de extinción, ao dispoñer de espazo para depósito de auga con lanza e enganches para mangueiras e soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias.

Novas motobombas

Dentro do compromiso do Goberno galego por seguir mellorando e ampliando a dotación de medios do persoal da Consellería do Medio Rural co fin último de potenciar o servizo que se lle brinda a toda a poboación galega en materia de loita contra os incendios forestais, a comunidade autónoma contará un ano máis con arredor dunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta e os que aporta o Estado, así como con preto de 380 motobombas.

Neste sentido, cómpre destacar a incorporación de 18 novas motobombas, distribuídas entre 15 distritos forestais das catro provincias, concretamente nos de Ferrol, Santiago Meseta-Interior, Barbanza, Fisterra, A Mariña, Fonsagrada-Os Ancares, Lugo-Sarria, Terra Chá, Valdeorras-Trives, Verín-Viana, A Limia, Deza-Tabeirós, O Condado-A Paradanta, Vigo-Baixo Miño e Caldas-O Salnés.

A renovación destes equipamentos contou cun orzamento de cinco millóns de euros e pretende reducir os danos que ocasionan os incendios forestais, ao mesmo tempo que se garante unha mellora na seguridade do persoal. Nesta liña, realizáronse 36 cursos teórico-prácticos nos distritos forestais aos que se asignaron estas motobombas, que estarán destinados aos bombeiros forestais condutores que manexarán estes vehículos.

NoticiaOutras novidades

Outra das novidades do Pladiga 2024 é a creación de ata 44 novos puntos de auga para recarga de medios aéreos e terrestres. Deles, 24 serán construídos directamente pola Xunta e os 20 restantes poranse en funcionamento a través de subvencións para comunidades de montes veciñais en man común.

Cabe destacar tamén a entrada en servizo da nova base de medios aéreos de Verín-Oímbra, que mellorará sensiblemente a operatividade na zona fronteiriza con Portugal.

A maiores destas novidades, o dispositivo de extinción de incendios na nosa comunidade estará integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Este ano aplícase xa de xeito efectivo o aumento do tempo de traballo de parte do persoal laboral da Xunta, que pasa a actuar durante sete meses, un mes máis que en 2023, de xeito que dous terzos dos profesionais antiincendios da Xunta xa están operativos todo o ano e o terzo restante estará operativo durante nove meses no ano 2026.

Outro dos plans que forman parte do Pladiga é o de Formación. Neste contémplanse ata 37 cursos en 553 edicións, con máis de 14.000 prazas, o que suporá superar as 150.000 horas de formación. Ademais, no apartado de concienciación cidadá, prevense cando menos 40 charlas dirixidas á poboación das parroquias PAAI.

Destacan tamén os avances tecnolóxicos relacionados coa instalación de móbiles, tablets e a aplicación Xeocode Lite (de xestión da información sobre lumes) nas motobombas do SPIF, o que mellorará a súa operatividade e permitirá, entre outras utilidades, facilitar datos sobre o posicionamento, en tempo real, dos medios dispoñibles.

En relación coa rede de vixilancia forestal, este ano increméntase en 24 o número de cámaras, en 12 localizacións diferentes, tres en cada unha das provincias. Así pois, amplíase a rede ata chegar ás 177 cámaras en 88 localizacións. Este servizo abrangue xa máis do 85% do territorio galego. Implantouse no ano 2018, coa finalidade de facilitar as tarefas de vixilancia do monte galego e a detección temperá dos incendios.

Á hora de establecer a localización concreta das cámaras, tívose en consideración o feito de que proporcionen cobertura visual das zonas nas que se rexistra unha maior actividade incendiaria, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de alto risco de incendios (ZAR).

Todas estas medidas inciden na mellora da loita contra o lume, tanto a nivel preventivo como de extinción, cun traballo permanente e planificado a través do Pladiga.

R., 2024-08-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES