Buscador
Noticias
Un estudo desenvolvido pola investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC Susana Martínez Rodríguez e o profesor da Universidade de Granada Manuel Ruiz Adame revela que máis da metade das mulleres empresarias e directivas galegas sofren estrés laboral, constatándose unha alta prevalencia da síndrome de burnout ou traballadoras queimadas e outros trastornos do ánimo. O traballo parte unha enquisa realizada a 199 mulleres en postos de liderado, para obter datos sobre o estado de ánimo de empresarias e directivas en Galicia e a influencia deste no seu desempeño profesional.
No mes de abril o Consello do Patrimonio Histórico (órgano de coordinación do Goberno central e as comunidades autónomas) daba a coñecer a decisión unánime de que a candidatura Ribeira Sacra sexa a proposta de España para a súa remisión á Unesco. Desde entón abriuse unha nova fase de traballo para cumprir con todas as directrices e elaborar a documentación definitiva para a unha primeira entrega o vindeiro mes de setembro e a seguinte en febreiro de 2025 no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París. Alí será avaliado polos órganos consultivos antes da súa valoración no Comité do Patrimonio Mundial, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026.
Foron presentadas as XXXIX Xornadas de folclore, unha iniciativa que, do 12 ao 21 de agosto, levará música e danzas tradicionais provenientes de agrupacións de Colombia, México, Panamá, Senegal, Serbia e Taiwán por 16 concellos da provincia de Ourense. As seis agrupacións, integradas por 182 artistas, percorrerán os concellos de Ourense, Allariz, A rúa, Bande, O Barco, O Carballliño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo de Limia. Este festival forma parte da campaña CulturON, que durante o verán ofrece unha media de 30 actividades diarias.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron hoxe os concellos de Lepe e Huelva como representantes do xurado Bandeira Azul de Galicia co obxectivo de poñer en común a aposta de ambas comunidades -a galega e a andaluza- pola sustentabilidade das súas praias, portos deportivos, centros ou sendeiros azuis, ofrecendo os mellores servizos posibles aos usuarios. Deste xeito, as dúas rexións apostan por xerar sinerxías co obxectivo de seguir avanzado no futuro neste eido.
A Xunta de Galicia vén de activar, para as xornadas de luns e martes, o nivel amarelo por episodios de calor en diferentes zonas da comunidade. No marco do Plan de actuacións da Xunta fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, infórmase da alerta por episodio de calor que afectará a esas xornadas, diminuíndo ao longo da xornada do mércores. Segundo informa MeteoGalicia, Galicia conta coa presenza dunha masa de aire moi cálida desde a xornada de onte -domingo-, e deixará hoxe valores moi elevados nas temperaturas, tanto mínimas como máximas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno autonómico garante un ano máis de estabilidade coa aprobación hoxe, no Consello do límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2025, que ascende a 13.954 millóns de euros, o máis alto da historia de Galicia e 'un 2,5% máis que no actual exercicio'. 'É un teito de gasto ambiocioso, pero razoable', indicou. Deste xeito, tal e como salientou o presidente, Galicia avanza un ano máis no camiño cara aprobar os orzamentos 'en tempo e forma'. 'Xa fomos a primeira comunidade en aprobalos o ano pasado', indicou tras lembrar que isto é un sinal da 'seriedade e estabilidade' que ofrece o Goberno autonómico.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2025 e no que se fixan como festivos propios o Día das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Nacional de Galicia (25 de xullo). O calendario publícase tras o visto bo do Consello da Xunta e unha vez o Consello Galego de Relacións Laborais emitiu o correspondente ditame. A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello.
O padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) celebrou a súa reunión semestral, presidida polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da FGE, Jesús Gamallo, onde abordou as prioridades de Galicia no novo mandato da Unión Europea. Así, a entidade traballa actualmente nos obxectivos para a defensa dos intereses galegos ante a UE trala renovación do ciclo institucional que se iniciou en xuño coa celebración das eleccións europeas. De particular interese para Galicia é o debate sobre o orzamento comunitario posterior ao 2027, dado que a Comisión está a revisar todas as partidas de gasto para facer unha proposta en menos dun ano.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega de premios por valor de 20.000 euros da 12ª edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, iniciativa de dinamización do sector que se desenvolveu entre o 10 e o 30 de xuño. En total, a última edición desta campaña rexistrou máis de 120.600 tíckets, pertencentes a compras realizadas en arredor de 160 localidades galegas, contribuíndo así a incrementar as vendas e a animar aos consumidores a apostar polo comercio de proximidade galego. jOs premios entregados hoxe son 44 tarxetas por valor de 250 euros e 60 de 150 euros para mercar nos comercios minoristas galegos atendendo ao que establecen as bases desta campaña.
O Gozo Festival, unha das grandes citas musicais e turísticas do ano en Galicia, logrou reunir na súa segunda edición máis de 60.000 persoas entre as dúas citas celebradas no Monte do Gozo, en Santiago de Compostela este ano. O público asistiu desde 18 países diferentes de lugares como Irlanda, México, Finlandia ou Xapón. Promovido por Live Nation e Sweet Noctura co apoio de Turismo de Galicia, o Gozo Festival ofreceu concertos de 19 artistas e máis de 17 horas de música nas dúas citas que se celebraron no Monte do Gozo. O 6 de xullo foi a quenda de Ed Sheeran, que chegaba por primeira vez a Galicia, nunha xornada na que tamén se puido gozar de artistas como os colombianos Bomba Estéreo, a chilena-mexicana Mon Laferte, os alemáns Milky Chance, a italiana Angelina Mango ou as galegas Fillas de Cassandra.