
Estes recoñecementos recaeron, no caso da provincia da Coruña, en clientes das localidades da Coruña, Santiago, Arzúa, Ribeira, As Pontes, Noia, Melide, Betanzos, Negreira, A Pobra de Caramiñal, Santa Comba, Arteixo, Ferrol, Sigüeiro, Rianxo e Carballo.
Na provincia de Lugo, os agraciados son de Lugo, Sarria, Vilalba, Muimenta, Viveiro, Foz, Rábade, Quiroga, Burela, Meira, Monforte, Chantada, Lourenzá, A Pontenova, Taboada e Ribadeo. Na provincia ourensá, os clientes gañadores do sorteo correspóndense cos municipios de Ourense, Verín, O Barco de Valdeorras, Carballiño, Celanova, Xinzo de Limia, Ribadavia, Allariz e Maceda.
Na provincia de Pontevedra os premios recaeron en clientes de Vigo, Pontevedra, Redondela, A Estrada, Silleda, Lalín, A Guarda, Porriño, Cangas, O Grove, Tomiño, Vilanova de Arousa, Salceda de Caselas, Nigrán, Baiona e Ponteareas.
Trátase de persoas que mercaron nos establecementos de proximidade de Galicia nas datas da campaña, que rexistraron a súa compra e que resultaron agraciadas no sorteo realizado no marco desta iniciativa, que é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio e conta co apoio das Federacións Provinciais de Comercio, as asociacións de comerciantes, os centros comerciais abertos de Galicia e de Abanca.
Durante o evento, o director xeral salientou a importancia do pequeno comercio para consolidar o emprego e favorecer a posta en marcha de novas iniciativas emprendedoras. Nesta liña, puxo de relevo o valor de accións coma esta para facilitar o desenvolvemento da actividade comercial, impulsar as vendas polo miúdo e, ao mesmo tempo, garantir o mantemento dos negocios promovendo a remuda xeracional.
Colaboración e outras accións
Esta campaña enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do comercio. Nel inclúense outras accións como consolidar unha Oficina de orientación, asesoramento e información ao comercio galego e de formación no asociacionismo, prestando especial atención ao emprendemento, cualificación e mantemento da actividade, e tamén o mantemento da Plataforma Dixital Centralizada E-tícket, dirixida a axilizar e mellorar a relación e o contacto coa clientela.
Súmase a outras accións para impulsar o comercio local como o Bono remuda, unha convocatoria novidosa da Xunta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, que ten prazo de solicitude aberto, e que ten como fin fomentar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no seo do tecido produtivo galego. Tamén o Bono Activa Comercio, que na súa 5ª edición logrou mobilizar 12 millóns de euros en vendas con case 7.000 negocios adheridos en toda Galicia e que se reeditará en outono.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.