Noticias

Galicia e Andalucía apostan por xerar sinerxías para seguir avanzando na sustentabilidade das praias, portos e centros azuis

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron hoxe os concellos de Lepe e Huelva como representantes do xurado Bandeira Azul de Galicia co obxectivo de poñer en común a aposta de ambas comunidades -a galega e a andaluza- pola sustentabilidade das súas praias, portos deportivos, centros ou sendeiros azuis, ofrecendo os mellores servizos posibles aos usuarios. Deste xeito, as dúas rexións apostan por xerar sinerxías co obxectivo de seguir avanzado no futuro neste eido.

A visita, organizada pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac, que outorga os galardóns azuis), inclúe visitas a distintas instalacións da provincia de Huelva que contan con estes recoñecementos como a praia Islantilla (entre os municipios de Illa Cristina e Lepe), o Sendeiro Azul da Antilla (Lepe), a praia do Espigón (Huelva) ou o porto do Terrón (Huelva).

Deste xeito, coñeceron distintas zonas da provincia e tanto as accións como aplicacións que desenvolven na súa aposta pola promoción turística e pola protección do patrimonio natural. No caso do areal de Islantilla, trátase dun dos pioneiros en recibir a bandeira azul e caracterízase por unha grande área de protección dunar cun importante labor informativo para o seu coidado e cunha boa xestión nos últimos anos.

As representantes da delegación galega puxeron en valor os esforzos dos concellos e da Administración autonómica a prol da prestación dos mellores servizos posibles neses espazos naturais ao tempo que trasladaron o compromiso de seguir incidindo nos valores que representan os recoñecementos outorgados por Adeac.

Galicia ten este ano un total de 114 praias con bandeira azul polo seu cumprimento en materia de sustentabilidade, accesibilidade e servizos aos usuarios. De feito, a comunidade galega concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Adeac tamén entregou bandeira azul a 11 portos deportivos (dun total de 102 en España) e, aínda que non lucirán bandeira como tal, recoñeceu o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental. Dos 87 galardoados en todo o país, 15 están en Galicia.

Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, Galicia segue sendo a comunidade con máis distintivos (49), 14 máis que na edición anterior. En total, e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos este ano por Adeac, Galicia atesoura 189 insignias azuis, una más que Andalucía (con 188) situándose como a segunda comunidade española con máis distintivos azuis en todas as categorías.

R., 2024-07-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES