Noticias

As XXXIX Xornadas de folclore levarán a 16 concellos da provincia de Ourense música e danzas tradicionais de Colombia, México, Panamá, O Senegal, Serbia e Taiwán

Foron presentadas as XXXIX Xornadas de folclore, unha iniciativa que, do 12 ao 21 de agosto, levará música e danzas tradicionais provenientes de agrupacións de Colombia, México, Panamá, Senegal, Serbia e Taiwán por 16 concellos da provincia de Ourense. As seis agrupacións, integradas por 182 artistas, percorrerán os concellos de Ourense, Allariz, A rúa, Bande, O Barco, O Carballliño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo de Limia. Este festival forma parte da campaña CulturON, que durante o verán ofrece unha media de 30 actividades diarias.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación das XXXIX Xornadas de folclore, unha iniciativa que terá lugar co apoio da Xunta de Galicia e que, do 12 ao 21 de agosto, levará música e danzas tradicionais provenientes de agrupacións de Colombia, México, Panamá, Senegal, Serbia e Taiwán por 16 concellos da provincia de Ourense.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o papel destas xornadas para a dinamización cultural do rural, xa que as seis agrupacións, integradas por 182 artistas, percorrerán —ademais da cidade de Ourense— os concellos de Allariz, A rúa, Bande, O Barco, O Carballliño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo de Limia.

Neste senso, salientou que en todas estas localidades se ofrecerá un espectáculo “de relevancia internacional” e explicou que esta programación, ao percorrer estes 16 concellos, “completan a totalidade das 12 comarcas que oficialmente conforman a provincia de Ourense. “É o único festival capaz de ofrecer actuacións durante dez días continuos nos que a música de raíz é a protagonista”, enxalzou.

Aposta por unha cultura accesible e descentralizada

Ademais, valorou o carácter descentralizador desta iniciativa “ofrecendo deste xeito a única posibilidade de que os habitantes de localidades tan afastadas como Manzaneda, Viana ou Entrimo, poidan coñecer o folclore e a cultura tradicional doutros países”.

Anxo M. Lorenzo precisou que, durante o festival, cada noite realizaranse dous espectáculos en dúas vilas diferentes da provincia. Nestas actuacións, a agrupación amosará a música, o baile e o vestiario tradicional do seu país, polo que tamén destacou o papel divulgador destas xornadas e o “intercambio cultural” que supón tanto para os veciños e veciñas das localidades onde se celebra, “como para as propias agrupacións destes países que entran en contacto coa realidade da nosa música e tradicións”.

Finalmente, lembrou que este festival forma parte da campaña CulturON que ten en marcha a Xunta de Galicia para os meses de verán cunha media de 30 actividades diarias.

R., 2024-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES