
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, móstrase convencido de que a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra acadará o recoñecemento da Unesco como Patrimonio Mundial no vindeiro ano 2026. Así o manifestou hoxe nun encontro celebrado en A Peroxa, no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e ao que asistiron unha trintena de alcaldes e representantes locais.
Neste senso, o titular de Cultura do Goberno galego resaltou que se continúa poñendo o foco na participación cidadá, implicando tanto aos concellos e outras institucións como aos diferentes axentes económicos e sociais deste territorio e á propia veciñanza. Así, segundo explicou, para a Xunta é esencial que todos os entes poidan facer o seus comentarios e transmitir as súas inquedanzas ao redor da candidatura e o que vai supor para a zona.
Tal e como lembrou López Campos, esta xuntanza foi convocada para valorar o momento no que nos atopamos, escoitar e recoller aportacións encamiñadas ao ben común, para que xuntos poidamos desenvolver a mellor proposta. Tamén aproveitou para recordar, nesta mesma liña, que durante este verán xa se celebraron varias reunións, tanto sectoriais como veciñais, das que xa se puido recompilar información relacionada, entre outros aspectos, co eido vitivinícola, a hostalería, o turismo ou a conservación do medio natural.
O percorrido da candidatura
No mes de abril o Consello do Patrimonio Histórico (órgano de coordinación do Goberno central e as comunidades autónomas) daba a coñecer a decisión unánime de que a candidatura Ribeira Sacra sexa a proposta de España para a súa remisión á Unesco. Desde entón abriuse unha nova fase de traballo para cumprir con todas as directrices e elaborar a documentación definitiva para a unha primeira entrega o vindeiro mes de setembro e a seguinte en febreiro de 2025 no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París. Alí será avaliado polos órganos consultivos antes da súa valoración no Comité do Patrimonio Mundial, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026.
Desta maneira, continúa un proceso para o que conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude quixo dar folgos a todas as institucións e entidades implicadas confiando, dixo, en conseguir ese recoñecemento para unha das maiores riquezas patrimoniais de España a nivel paisaxístico, cultural e enogastronómico.
A Xunta de Galicia rexeita o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que vén de presentar a dirección da planta de Sargadelos en Cervo, ao tempo que insta á reanudación da actividade canto antes en defensa dos dereitos das persoas traballadoras. Como autoridade laboral, o Goberno galego aprecia incongruencia na solicitude presentada ao non axustarse á normativa aplicable e demanda información e documentación adicional á dirección da empresa. Así mesmo, reafirma que como non pode ser doutro xeito velará polo cumprimento da lexislación laboral e denunciará calquera ilegalidade que se detecte.
A Consellería de Sanidade publica o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 17 ao 23 de novembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia segue con intensidade baixa e tendencia crecente. Respecto da semana anterior, rexístrase un aumento na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 40,3 %. Así, esta taxa sitúase en 72,1 consultas por 100.000 habitantes. Produciuse aumento da taxa en todos os grupos de idade, destacando o grupo de 0 a 4 anos cun aumento do 78 %. Os grupos coa maior taxa de consultas seguen a ser o de 0 a 4 anos con 188,4 consultas por 100.000 habitantes. No que atinxe ás áreas sanitarias, incrementáronse as consultas en todas elas, duplicándose o valor na área de Vigo e rexistrando un aumento das súas taxas as áreas de Ourense (96,6 %) e de Lugo (79,3 %).