Buscador
Noticias
Inaugurouse hoxe na Cidade da Cultura 'Tattoo. Arte baixo a pel', a maior exposición internacional sobre tatuaxe desenvolvida ata o momento. A mostra ábrese ao público no Gaiás logo de ser visitada por máis de dous millóns de persoas no seu amplo percorrido por museos e institucións culturais de Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán, Rusia e os centros da Fundación la Caixa en España. 'Tattoo. Arte baixo a pel' presenta 240 pezas históricas e contemporáneas procedentes dunha vintena de países. Atopamos obxectos rituais e decorativos, fotografías, debuxos, pinturas, utensilios de tatuar tradicionais e 26 modelos hiperrealistas de silicona tatuados por algúns dos mellores artistas actuais da tatuaxe.
Entre os nove asistentes están varios premios nacionais, como Manuel Rivas, Diego Ameixeiras e Berta Dávila, que contan con esta distinción na categoría de Crítica; Ismael Ramos e Alba Cid, ambos os dous Premios Nacionais de Poesía Xove; e Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática. Súmanselle a esta delegación a cineasta Jaione Camborda, quen dirixiu O Corno, que se converteu na primeira película en galego en gañar unha Concha de Ouro no Festival de Donosti en 2023.
Dúas candidaturas galegas optan como finalistas aos XVII Premios Nacionales de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. O torneiro de Tomiño, Aitor Martínez opta ao premio Produto e o ebanista Fran Millán, do obradoiro Frouma Atlantic Wood, en Ribeira, competirá polo Premio Emprendemento. Os Premios Nacionais de Artesanía convócanse anualmente co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado.
Os hoteis galegos rexistraron o pasado mes de setembro máis de 632.000 viaxeiros aloxados que fixeron 1,15 millóns de noites, o que supón un incremento do 5,9% e 4,2% respectivamente con respecto a 2023. En canto ao impacto económico, tamén se rexistrou un incremento da rendibilidade hoteleira que sobe 8,6% con respecto ao ano pasado e estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos de 51,6 millóns de euros, un 7,8% en relación co 2023. Así se desprende dos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que indican que Galicia supera en ocupación hoteleira os rexistros previos á pandemia, nun 10,9% e que volve medrar por riba da media española.
Co título de Miradas complementarias. Unha análise multidisciplinar do conflito palestino-israelí en Oriente Próximo, desenvolveranse na Facultade de Filosofía o mércores 30 de outubro a partir das 17.00 horas unha xornada na que se fará un achegamento á cuestión desde distintos puntos de vista, que inclúen a filosofía, a política, a historia ou a antropoloxía. A entrada a esta xornada, en cuxa organización colaboran a Facultade de Filosofía da USC e a Fundación Araguaney, é libre ata completar a capacidade do espazo; tamén se poderá seguir en liña.
O Centro Dramático Galego inicia este xoves día 24 en Lugo a xira que levará o seu espectáculo Terceiro acto a oito escenarios durante o seu regreso ás táboas co gallo da celebración do 40º aniversario da compañía pública de Galicia. Materializarase así o percorrido que non fora posible levar a cabo con esta produción en 2021 por mor da pandemia. O Auditorio Municipal Gustavo Freire da capital lucense recibirá esta montaxe o xoves ás 20,30 h., na que será a súa primeira representación fóra do Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede da unidade teatral da Xunta. Alí vén de ofrecer 14 funcións tras a súa reestrea do pasado día 3, nas que tamén recibiu público dos preto de 50 concellos que fixeron uso do plan de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?
A nosa comunidade ten demostrado nos últimos tempos que o emprendemento resulta un elemento impulsor do crecemento, a competitividade e a xeración de emprego e riqueza na nosa sociedade. É por isto que o Goberno galego ten dentro das súas prioridades estratéxicas o apoio ao tecido emprendedor, poñendo ao seu dispor diversos recursos que favorezan a todas as persoas que están pensando en poñer en marcha un novo negocio ou proxecto. Un dos elementos principais das políticas da Xunta a favor dos emprendedores é a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, creada en xullo de 2022 para ofrecer asesoramento individualizado, de xeito totalmente gratuíto, a todas as persoas emprendedoras, tanto a aquelas que están comezando o seu proxecto como as que pretenden consolidalo.
A Rede Localis, Rede de Administración Local, fixo público este venres un novo documento de análise do seu Observatorio Municipal Galego, unha das actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. Nel preséntase un ránking de solvencia financeira dos concellos galegos máis poboados, é dicir, das sete grandes cidades. O informe, titulado 'Diferenzas nos indicadores de solvencia financeira entre os municipios con máis poboación en Galicia', foi elaborado por Alberto Vaquero, codirector da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.
A Xunta colabora coa Biblioteca Nacional, a Junta de Castela e León, o concello de Ferrol e a Fundación Torrente Ballester na organización de esta exposición, comisariada por Darío Villanueva e Carmen Becerra, para conmemorar o 25 aniversario do pasamento do autor galego. A mostra fai un percorrido pola traxectoria profesional deste escritor, profesor, ensaísta, articulista ou crítico literario a través de diferentes lugares que foron claves ao longo da súa vida como Ferrol, Pontevedra, Madrid, Estados Unidos ou Salamanca. A exposición poderá verse ata o vindeiro 12 de xaneiro na Sala das Guillotinas da Biblioteca Nacional, pero será itinerante e chegará a Ferrol e Salamanca no 2025.
Unha vez analizados todos os expedientes, resolveuse outorgar 24 galardóns a outros tantos concellos, o que supón un 33% máis que na edición anterior e a cifra máis alta de bandeiras verdes concedidas desde a creación deste distintivo. Ademais, 11 dos municipios lucirán o galardón por primeira vez. Concretamente son: Ares, Begonte, Boiro, Cospeito, Larouco, Lugo (a primeira cidade galega en obter a bandeira verde), Muíños, Ribadeo, San Sadurniño, Silleda e Vilariño de Conso. Repiten como municipios galardoados, nunha ou en varias edicións anteriores, os de Porto don Son, Cervo, Curtis, A Illa de Arousa, Muros, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porqueira, Ribeira, Sanxenxo, Sober e A Laracha.