
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a figura do ferrolán Gonzalo Torrente Ballester coma un dos escritores máis salientables da literatura española do século XX e cun legado que cómpre poñer en valor e promover entre o conxunto da sociedade.
Durante a inauguración da exposición Gonzalo Torrente Ballester, la travesía de un creador na Biblioteca Nacional de España, Rueda fixo fincapé na importancia que a súa Galicia natal tivo na súa obra coa presencia da ironía, a mitoloxía ou alusións a tradicións orais da comunidade galega.
Rueda salientou o gran momento que está a vivir a cultura galega, un novo rexurdimento e destacou a aposta da Xunta por un eido que é fundamental para dar a coñecer a identidade e a comunidade galega máis aló das súas fronteiras.
Exposición
A Xunta colabora coa Biblioteca Nacional, a Junta de Castela e León, o concello de Ferrol e a Fundación Torrente Ballester na organización de esta exposición, comisariada por Darío Villanueva e Carmen Becerra, para conmemorar o 25 aniversario do pasamento do autor galego.
A mostra fai un percorrido pola traxectoria profesional deste escritor, profesor, ensaísta, articulista ou crítico literario a través de diferentes lugares que foron claves ao longo da súa vida como Ferrol, Pontevedra, Madrid, Estados Unidos ou Salamanca.
A exposición poderá verse ata o vindeiro 12 de xaneiro na Sala das Guillotinas da Biblioteca Nacional, pero será itinerante e chegará a Ferrol e Salamanca no 2025.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.