Noticias

Galicia, terra de oportunidades para o emprendemento

A nosa comunidade ten demostrado nos últimos tempos que o emprendemento resulta un elemento impulsor do crecemento, a competitividade e a xeración de emprego e riqueza na nosa sociedade. É por isto que o Goberno galego ten dentro das súas prioridades estratéxicas o apoio ao tecido emprendedor, poñendo ao seu dispor diversos recursos que favorezan a todas as persoas que están pensando en poñer en marcha un novo negocio ou proxecto. Un dos elementos principais das políticas da Xunta a favor dos emprendedores é a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, creada en xullo de 2022 para ofrecer asesoramento individualizado, de xeito totalmente gratuíto, a todas as persoas emprendedoras, tanto a aquelas que están comezando o seu proxecto como as que pretenden consolidalo.

Unha das prioridades desta Rede é o rural, e a dinamización da economía local, a fixación de poboación e a loita contra o reto demográfico.

A Rede de Polos de Emprendemento conta a día de hoxe con 14 oficinas activas: tres na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide), cinco na provincia de Lugo (Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos); catro na provincia de Ourense (O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín); e dous na provincia de Pontevedra (Silleda e O Porriño). No futuro próximo poñeranse en marcha un laboratorio en Vilanova de Arousa e o Centro de Orientación ao Emprendemento.

Ata o de agora, a Rede xa atendeu máis de 2.600 experiencias de emprendemento, das que un 20% están lideradas por persoas de fóra de Galicia. Os sectores que máis demandan este tipo de apoio son os de servizos, hostalaría e comercio. Por outra banda, cabe destacar as máis de 7.200 titorías e preto de 1.000 actividades realizadas (reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos).

Remuda xeracional e atracción de talento foráneo

Un dos plans máis destacados desta Rede de Polos é un plan específico de remuda xeracional, que cun orzamento de 1.5 millóns de euros, pretende asesorar, axilizar e facilitar a transmisión de negocios no territorio da nosa comunidade, para evitar o seu peche for falta de persoas que poidan continuar o proxecto.

A idea básica deste plan é poñer en contacto a persoas que van a pechar empresas por achegarse á súa xubilación con persoas dispostas a continuar un proxecto empresarial xa consolidado, reducindo así os riscos que pode supoñer o lanzamento dun novo proxecto.

Outro elemento destacable é a Estratexia Galicia Retorna, que pretende promover a integración sociolaboral dos emigrantes galegos e dos seus descendentes, que poidan percibir o autoemprego como unha posibilidade que facilite o seu retorno á nosa terra, e que contarán ademáis co programa de mentorías Merlo para emprendedores retornados. Deste xeito, non só se suman novos talentos e capacidades ao noso sector productivo, senón que ademais se loita contra o reto demográfico.Noticia

Foto: Nemanja Knezevic

Atracción de nómades dixitais ao rural galego

O convenio Fixar é outro dos elementos fundamentais na estratexia do goberno galego para promover o emprendemento na nosa comunidade, e pretende atraer aos chamados nómades dixitais ou profesionais en remoto, un novo perfil profesional cun estilo de vida basado nos colivings (vivendas compartidas con espazos comúns que permiten a convivencia e a colaboración profesional entre os residentes).

Este convenio integra os coliving de Lobeira (Ourense), Anceu (Ponte Caldelas, Pontevedra) e iSlow (O Piñeiro, Laxe), e conta con 60 participantes, entre os que hai profesionais internacionais dos videoxogos, o cinema, a tecnoloxía ou as editoriais.

Rexión Emprendedora Europea 2025

Grazas a todas estas iniciativas, Galicia acadou recentemente o premio á Rexión Emprendedora Europea 2025, un galardón que recoñece o esforzo da Xunta de Galicia para xerar iniciativas empresariais que dinamicen a economía, atraian a traballadores de alta cualificación e impulsen novos negocios ligados ao territorio, contribuíndo así a fixar poboación no rural.

Por último, cabe destacar outras medidas como o Mapa de Emprendemento Virtual (cunhas 190 entidades adheridas, integrará todos os axentes, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia) ou a publicación de varias microguías de utilidade para poñer en marcha e xestionar un negocio, distribuídas en liña e en formato físico entre os colectivos de interese e nas oficinas dos Polos.

R., 2024-10-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES