Noticias

A Rede Localis elabora un ránking de solvencia financeira dos concellos galegos

A Rede Localis, Rede de Administración Local, fixo público este venres un novo documento de análise do seu Observatorio Municipal Galego, unha das actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. Nel preséntase un ránking de solvencia financeira dos concellos galegos máis poboados, é dicir, das sete grandes cidades. O informe, titulado 'Diferenzas nos indicadores de solvencia financeira entre os municipios con máis poboación en Galicia', foi elaborado por Alberto Vaquero, codirector da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Nel preténdese pór de manifesto a saúde financeira destes grandes concellos, unha tarefa, apunta o responsable da análise, que “non é fácil, dada a casuística fiscal local”. O documento repousa na análise de cinco indicadores de solvencia financeira: necesidade ou capacidade de financiamento; remanente de tesourería; importe de pagos pendentes a provedores; débeda entre os ingresos correntes e remanente entre os ingresos correntes.

Indicadores moi distintos

Segundo recolle o informe, a pesar de ser todos catalogados como concellos de gran poboación, os indicadores de solvencia financeira resultan moi distintos para o sete grandes cidades de Galicia. Así, detállase nel, “a necesidade/capacidade de financiamento per cápita en 2022, indicador que permite sinalar se as entidades locais se poden financiar con recursos ordinarios ou se, pola contra, se ven obrigadas a endebedarse, oscila entre os -59,9 e -47,2 euros (en ambos os casos de necesidade) dos Concellos de Lugo e Ourense e os 78,3 euros (de capacidade) de Santiago de Compostela.

Polo que respecta ao remanente de tesouraría, que permite determinar a capacidade económica das entidades locais para poder enfrontarse ás débedas ao final do exercicio económico, no informe sinálase que en 2022 o volume per cápita oscila entre os 1.168 euros do Concello de Ourense e os -21,4 euros de Santiago de Compostela. Con relación ao importe dos pagos pendentes per cápita, os concellos de Santiago de Compostela (117,4 euros) e Pontevedra (88,7 euros) encabezan a lista de grandes municipios con maior importe. A situación contraria dáse nos Concellos de Lugo (16,8 euros) e Vigo (25,4 euros).

En canto ao cociente entre débeda e ingresos correntes, ratio que permite determinar o número de veces que debería empregarse os ingresos correntes do exercicio para facer fronte ás débedas no medio e longo prazo pendentes, o informe recolle que o seu valor oscila entre o 0,1% do Concello de Vigo e o 22% da Coruña, “o que permite sinalar o importante esforzo realizado pola cidade olívica en termos de solvencia”. Considerando o cociente entre o remanente e os ingresos correntes, a análise destaca igualmente “o forte aumento para o Concello de Ourense, que pasa do 19% en 2011 ao 53% en 2017 ao 118% en 2022”. Este resultado, sinálase no informe, “parece responder á dificultade para aprobar o orzamento na capital da provincia ourensá”.

R., 2024-10-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES