Archivo (7 del 2019)

Buscador

Noticias

O sector do turismo en Galicia encara o verán como un dos destinos mellor situados de España e como a comunidade autónoma que obtivo un mellor crecemento na tempada media-baixa. Estes bos datos súmanse a que o 88% dos empresarios turísticos esperan aumentar ou manter as súas vendas este verán e que o índice de confianza empresarial se sitúe no 32%, triplicando a media española. Cabe destacar a importancia do turismo rural, que no que vai de ano medrou un 10% con respecto ás cifras de 2018 sendo a modalidade turística que experimentou un maior crecemento. A figura dos xeodestinos é clave na promoción dun modelo turístico baseado na especialización e a mellora da competitividade da oferta, na diversificación de fluxos turísticos ou na desestacionalización da demanda.
O Plan de Dinamización das 5 denominacións de orixe do viño de Galicia reforzará a imaxe e a promoción dos viños galegos, ademais de potenciar o seu vínculo co rural. Será unha estratexia común e coordinada que atenderá ás particularidades específicas de cada denominación e reforzará a súa relación co sector turístico aproveitando os recursos do noso patrimonio cultural, natural e paisaxístico. Para contarase con todos os axentes do sector –consellos reguladores, rutas dos viños, viticultores, adegas, investigadores, sector da restauración, entre outros- para acadar esta folla de ruta, que permitirá manter os estándares de calidade, seguir impulsando a internacionalización, incrementar o tamaño das adegas e abordar a remuda xeracional.
Os froitos da convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo permitirán impulsar 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron a resolución deste proxecto para o que a Xunta aportará un total de 4,7 millóns de euros, e suporá a mobilización en toda Galicia de preto de nove millóns de euros ao longo deste ano e ata abril do 2020. As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: desde o ámbito artístico, pasando polo do patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade e a gastronomía, ata o ámbito deportivo e o social.
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, retoma mañá xoves as súas actuacións de balde ao solpor con Labaq. A artista brasileira traerá á Praza Central os sons máis anovadores da música do seu país. Trátase dun dos nomes máis recorrentes na escena musical electrónica actual e con máis presenza entre os circuítos da música alternativa/pop & indie. Esta cantante, compositora, guitarrista e produtora despregará no escenario Cervezas Alhambra —patrocinadora deste ciclo— a forza e a sensibilidade que proxecta tanto na súa voz, como na súa guitarra eléctrica. A partir das 21 horas, o sol agocharase na praza exterior da Cidade da Cultura acompañado dos sons de Labaq.
O Parlamento de Galicia deu o visto e prace á Lei da Administración Dixital de Galicia, o marco xurídico para consolidar unha administración integramente dixital e universalizar e seu uso e acceso a toda a cidadanía. Complétase así o trámite parlamentario, tras o período de exposición pública e tras ser aprobada na mesa de persoal da Xunta co voto unánime de todas as organizacións sindicais. A lei adapta á realidade do sector público autonómico as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 e aséntase en tres principios; só unha vez, evitando reclamar datos que xa obran en poder da Administración; a proactividade, empregar a información que a Administración ten o cidadán para prestar servizos personalizados e adiantarse ás súas necesidades; e a automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.
A Cidade da Cultura de Galicia acolle o vindeiro domingo a IV edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que arredor de 590 músicos novos, de 13 formacións, interpretarán os repertorios elixidos para a ocasión. O certame incluirá un concerto da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, formada por medio cento de intérpretes pertencentes a diferentes bandas e conservatorios da comunidade e dirixida por Xabier Oliveira Blanco. Para finalizar o certame, todas as formacións interpretarán de xeito conxunto o himno galego. O evento busca fomentar o encontro entre novos intérpretes, establecer vínculos que dean lugar a futuras sinerxías entre bandas, enriquecer a formación das xeracións máis novas e promover a educación na diversidade a través da música como linguaxe universal.
As actuacións desenvolvidas polos GALP buscan aumentar o emprego e a cohesión social nas comunidades pesqueiras. De feito, os oito grupos actuais agrupan a 361 entidades sociais -105 delas do sector pesqueiro- e representan a máis de 11.000 persoas de todo o litoral de Galicia. Entre os obxectivos dos proxectos están a atracción de xente nova ás zonas costeiras, a promoción da innovación, o apoio á diversificación dentro e fóra do sector pesqueiro, o impulso do patrimonio ambiental e cultural, o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e na cogobernanza dos recursos pesqueiros e a promoción das distintas actividades marítimas no ámbito local.
Xa está aberto o prazo de solicitude da segunda edición de 2019 do programa Fábrica Intelixente, que ten como obxectivo apoiar proxectos estratéxicos de I+D+i que permitan avanzar cara un novo modelo industrial de futuro para Galicia, en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 e a Axenda Galicia Industria 4.0. Os destinatarios destas axudas son empresas capaces de liderar proxectos de I+D+i de carácter estratéxico ou agrupacións de empresas e organismos de investigación, ambos con centro de traballo en Galicia. O tipo de proxectos financiables son proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación.
O novo Plan Galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023, que se aprobará esta semana no Consello da Xunta, permitirá estender este servizo ao 100% dos galegos os 365 días do ano. Trátase dun plan estratéxico completo para o 100% do territorio, dado que ata o de agora este servizo funciona só de luns a venres, alcanzando o 75% do territorio. Se ben non é fácil trazar o perfil do doente que ten acceso a este servizo, entre os casos están o seguimento de persoas transplantadas ou con patoloxía cirúrxica, pacientes crónicos ou persoas que reciben coidados paliativos, entre outros. Así, actualmente benefícianse desta atención máis de 5.000 pacientes ao ano grazas ás 15 unidades e 45 equipos repartidos por todas as áreas sanitarias galegas.
A Cidade da Cultura de de Galicia convida á rapazada de entre 10 e 13 anos a participar ao longo deste mes de xullo na súa actividade de verán 'Unha noite no Bosque', unha acampada nocturna con monitores no Bosque de Galicia, que se desenvolve os venres no monte Gaiás. O obxecto desta proposta do programa Verán no Gaiás é achegarlles ás xeracións máis novas a natureza da súa contorna máis próxima, á vez que transmitir e fomentar os valores de coidado e de respecto polo medio ambiente. A rapazada participante nas acampadas poderá descubrir e coñecer mellor a fauna e a flora dos espazos naturais do monte Gaiás, así como gozar dunha xornada de convivencia, obradoiros e xogos á luz das estrelas. Unha noite no Bosque está organizada pola Fundación Cidade da Cultura e conta co patrocinio de Viaqua.
« Anterior | 4  de  6 | Siguiente »

Archivo

2025 (267)

2024 (514)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES