
Xa está aberto o prazo de solicitude da segunda edición da convocatoria de 2019 do programa Fábrica Intelixente, que ten como obxectivo apoiar proxectos estratéxicos de I+D+i que permitan avanzar cara un novo modelo industrial de futuro para Galicia, en liña co reto 2 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e a Axenda Galicia Industria 4.0. Para este segundo prazo, que pecha o 31 de xullo de 2019, a Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria ten reservado un crédito de 6,4 millóns de euros.
Os destinatarios destas axudas son empresas -de calquera tamaño- capaces de liderar proxectos de I+D+i de carácter estratéxico ou agrupacións dunha empresa ou empresas cun organismo de investigación, ambos con centro de traballo en Galicia. O tipo de proxectos financiables son proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en materia de organización e procesos, individuais ou en cooperación, cun orzamento de entre 2 e 10 millóns de euros. A intensidade das axudas varía en función do tipo de proxecto e do tamaño da empresa, podendo chegar ata o 80%.
Outros requisitos esixibles para acceder á convocatoria son: ter unha duración mínima de 3 anualidades e máxima ata o 30 de xuño de 2022; ser estratéxicos e ter un efecto incentivador; e facer un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras esenciais. Entre as principais novidades desta edición destaca a redución do orzamento mínimo dos proxectos (de 4 a 2 millóns de euros) para permitir unha maior participación das pemes; o aumento do prazo de execución dos proxectos (de 2 a 3 anualidades) e a ampliación do prazo de solicitude, habilitando dúas edicións ao longo do ano para adaptarse mellor aos tempos das empresas.
Resolución da primeira edición de 2019
Publicouse a resolución da primeira edición da convocatoria deste ano do programa Fábrica Intelixente. Nesta primeira fase apoiaranse 5 proxectos nos sectores da conserva, automoción, naval e TIC. Os proxectos desenvolveranse ata 2022 e neles participan 7 empresas e un centro tecnolóxico. Cunha axuda de preto de 6,4 millóns de euros, agárdase que mobilicen 22,4 millóns de euros, xeren 16 empregos cualificados e empreguen a 94 persoas en tarefas de I+D+i. Os proxectos financiados nesta primeira edición de 2019 son: ALBO 4.0, Tecnoloxías dixitais para a industria conserveira do futuro; FIBER 4.0, Desenvolvemento da Factoría Intelixente de Benteler Automotive Vigo; F4ST, Desenvolvemento de Tecnoloxías 4.0 para o Estaleiro do Futuro de Navantia; CLAUDIIA, Collaborative Layer for Automation and Development of Industrial Innovative Approache, liderado por Gamelsa, empresa do grupo Televés, en colaboración co CTAG; e EfiFACTORY, Tecnoloxías 4.0 para a fabricación eficiente da factoría Borgwarner en colaboración co CTAG.
En edicións anteriores desta liña de axudas, concedéronse en 2016 dous proxectos industriais innovadores, liderados por PSA e Televés respectivamente, con 33,9 millóns de euros que mobilizaron un total de 168 millóns de euros. A través da segunda convocatoria, en 2018, apoiáronse tres proxectos industriais innovadores con 5,4 millóns de euros liderados por FINSA, CUPA e COPO, mobilizando 13,7 millóns de euros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.