Noticias

'O teu Xacobeo' acollerá 352 proxectos presentados por entidades locais, PEMES, particulares e entidades sen ánimo de lucro

Os froitos da convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo permitirán impulsar 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron a resolución deste proxecto para o que a Xunta aportará un total de 4,7 millóns de euros, e suporá a mobilización en toda Galicia de preto de nove millóns de euros ao longo deste ano e ata abril do 2020. As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: desde o ámbito artístico, pasando polo do patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade e a gastronomía, ata o ámbito deportivo e o social.

Fixo fincapé o Conselleiro de Cultura e Turismo na gran acollida que rexistrou esta iniciativa que pretende fomentar a participación de todos os axentes da sociedade e implicalos no deseño do próximo Xacobeo 21, destacando que se recibiron un total de 652 propostas nas tres liñas de axuda abertas, levando esta excepcional resposta a ampliar o investimento inicial destinado a este proxecto, cifrado en 2.000.000€, ata un total de 4.700.000 €. Destacou o conselleiro que se trata da “convocatoria de concorrencia competitiva aberta á sociedade máis importante da historia de Galicia”, confiando en que esta iniciativa “sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e cada un dos galegos”.

Na primeira liña de axudas, destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos, mancomunidades, consorcios ou deputacións), vanse impulsar 80 proxectos cun investimento de preto dun millón de euros. Na súa meirande parte trátase de iniciativas que permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.

Na segunda destas liñas, poñeranse en marcha 89 iniciativas propostas por PEMES e particulares, cun investimento de preto de millón e medio de euros, en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das liñas permitirá que boten a andar 183 propostas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro e contará cun orzamento de 2 millóns de euros.

Cinco grandes áreas de actuación

Recalcou Román Rodríguez que O Teu Xacobeo representa o carácter “participativo, descentralizado e sustentable” do próximo Ano Santo polo que aposta a Xunta, celebrando que a posta en marcha dos diferentes proxectos permitirá “ampliar a repercusión da celebración, anticipando e levando a súa influencia máis alá do 2021, implicando a todos os concellos de Galicia. “O Xacobeo non pode ser un proxecto duns poucos, senón un proxecto participativo”, destacou.

As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: desde o ámbito artístico, pasando polo do patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade e a gastronomía, ata o ámbito deportivo e o social.

Comprende o ámbito artístico unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos…

Na área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.

No aspecto deportivo, organizaranse eventos de moi diversas disciplinas, incluíndose actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas, e tamén relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.

R., 2019-07-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES