
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro con representantes de diferentes xeodestinos galegos cos que asinou 11 convenios de colaboración para a realización de actividades de promoción e difusión turística. Neste senso, o titular de Cultura e Turismo subliñou o comportamento sobresaínte do turismo en Galicia, que encara o verán como un dos destinos mellor situados de España e como a comunidade autónoma que obtivo un mellor crecemento na tempada media-baixa.
Estes bos datos súmanse a que o 88% dos empresarios turísticos esperan aumentar ou manter as súas vendas este verán e que o índice de confianza empresarial se sitúe no 32%, triplicando a media española, o que amosa as boas sensacións xeneralizadas no sector.
Durante a sinatura dos convenios de colaboración, que suporán o investimento de máis de medio millón de euros en máis dun cento de municipios das catro provincias galegas, Román Rodríguez puxo de manifesto o compromiso da Xunta de seguir colaborando na posta en valor dun turismo tranquilo, responsable e competitivo. Nesta liña, o conselleiro lembrou a importancia do turismo rural, que no que vai de ano medrou un 10% con respecto ás cifras de 2018 sendo a modalidade turística que experimentou un maior crecemento.
Román Rodríguez destacou que a figura dos xeodestinos é clave na promoción dun modelo turístico baseado na especialización e a mellora da competitividade da oferta, na diversificación de fluxos turísticos ou na desestacionalización da demanda, facendo de Galicia un destino atractivo os doce meses do ano. Os xeodestinos contribúen á que a nosa Comunidade sempre teña algo que ofrecer ao viaxeiro, apuntou.
Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo resaltou a importancia de seguir avanzando no obxectivo de facer de Galicia un destino de calidade e excelencia, especialmente de cara ao próximo Xacobeo 21. De feito, Román Rodríguez apuntou que o próximo Ano Santo debe ser unha cita que se deixe sentir en toda Galicia, implicando a todos os estratos da sociedade, e que debe exercer como motor de cambio de toda a Comunidade, tamén no eido turístico.
Once xeodestinos
Durante o acto de sinatura estiveron presentes representantes dos xeodestinos Ancares-Courel, As Mariñas, Condado-Paradanta, Celanova-Baixa Limia, Deza-Tabeirós, Manzaneda-Trevinca, O Ribeiro, Ría de Muros-Noia, Ría de Vigo e Baixo Miño, Terras de Santiago e Verín-Viana. Tamén asistiron a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois.
A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.