
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Plan de Dinamización das 5 denominacións de orixe do viño de Galicia reforzará a imaxe e a promoción dos viños galegos, ademais de potenciar o seu vínculo co rural.
Será unha estratexia común e coordinada que atenderá ás particularidades específicas de cada denominación e reforzará a súa relación co sector turístico aproveitando os recursos do noso patrimonio cultural, natural e paisaxístico, dixo, resaltando a necesidade de contar con todos os axentes do sector consellos reguladores, rutas dos viños, viticultores, adegas, investigadores, sector da restauración, entre outros- para acadar esta folla de ruta, que permitirá manter os estándares de calidade, seguir impulsando a internacionalización e hoxe, 1 de cada 5 botellas de viño das nosas denominacións saen fóra da Comunidade-, incrementar o tamaño das adegas e abordar a remuda xeracional.
Así mesmo, salientou que esta iniciativa continuará apostando tamén pola innovación, para acadar novos produtos como os espumosos, e pola formación. O enoturismo e a mellora da calidade paisaxística serán claves para esta estratexia integral na que o viño será un elemento tractor e dinamizador das economías locais e do rural galego, abundou, referíndose, ademais, á aprobación no Consello da Xunta, hai unhas semanas, do decreto para a creación dun Museo do Viño en Ribadavia, que espallará o coñecemento sobre o viño.
Logo de lembrar que a enogastronomía é xa a segunda razón pola que os turistas visitan Galicia, o titular da Xunta destacou e agradeceu o traballo dos 13.000 viticultores e das máis de 450 adegas que conforman o sector na Comunidade e que, mesturando tradición e modernidade, achegan un valor económico que supera os 200 millóns de euros.
Durante o acto de entrega dos premios da XXXI Cata de viños de Galicia, XXI Cata de augardentes de Galicia e VIII Cata de licores tradicionais, o presidente do Executivo autonómico tivo tamén unha mención especial para as comarcas de Valdeorras e Monterrei, afectadas polas fortes treboadas que se produciron o pasado luns.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.