Buscador
Noticias
Un equipo internacional liderado desde Galicia polo grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC e que contou coa participación do investigador da Facultade de Bioloxía Javier Sampedro conseguiu por primeira vez a edición xenética dun xene de susceptibilidade nunha especie forestal, o castiñeiro europeo (Castanea sativa), aplicando a tecnoloxía CRISPR/Cas9. No estudo colaboran tamén as Universidades de Turín e Politécnica de Madrid.
O Campus de Oza acolle ata o 22 de xullo de 2026, o Cellular Aging and Metabolism Symposium, CAMS 2026, un encontro científico internacional centrado no estudo da relación entre o envellecemento celular, o metabolismo e o desenvolvemento de enfermidades asociadas á idade. O congreso, inaugurado esta mañá polo reitor da UDC, Ricardo Cao, reúne a persoal investigador procedente de universidades, hospitais e centros de investigación de España e doutros países europeos.
Arredor de 200 investigadores e investigadoras, estudantes de doutoramento e profesionais procedentes de diferentes institucións académicas tanto nacionais como internacionais participan desde este luns no IX CINBIO Annual Meeting, a reunión anual do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS.
Un total de 48 novas iniciativas empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos na décimo terceira edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para a Innovación e o Emprendemento Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio da Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Zona Franca, Abanca e outra serie de entidades.
A Vicerreitoría do campus de Ourense convoca a oitava edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga. O seu obxectivo é recoñecer e estimular o esforzo de persoal docente e investigador e de alumnado no desenvolvemento das diferentes liñas de especialización sobre as que traballa o Campus Auga.
A Universidade da Coruña inaugurou o curso 'Protección de datos na empresa e as organizacións: goberno corporativo, xestión do risco e cumprimento ante contornos tecnolóxicos complexos', unha formación que reúne ata mañá especialistas de referencia do ámbito xurídico, institucional e empresarial para analizar os principais desafíos da protección de datos nun contexto marcado pola transformación dixital e o avance da intelixencia artificial.
A Universidade da Coruña iniciou o proxecto TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade arredor do Patrimonio Literario Rural, unha iniciativa financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) no marco da convocatoria 2025 de Cultura Científica, na modalidade ACTS (Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade).
Unha nova investigación realizada no xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo) permite afondar no coñecemento sobre o clima e o ambiente do pasado nas serras orientais galegas. A investigación, liderada por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (Cispac), conta coa colaboración de dous membros da Universidade de Vigo.
O catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Antón Santamarina Fernández é o gañador do Premio Porteiro Garea na súa novena edición. Reunido o pasado 9 de xullo, o xurado decidiu por unanimidade concederlle o premio a 'unha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea que xogou un papel esencial no coñecemento do estado da lingua galega e das súas variantes, e tamén no establecemento da súa forma culta actual'.
O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira puxo este domingo o broche final a unha edición histórica que destacou pola calidade artística, a participación e a dimensión alcanzada por un evento que, durante cinco xornadas, converteu a vila no gran punto de encontro das culturas atlánticas. A edición de 2026 pasará á historia como a de maior concentración de actividades programadas por día desde a creación do Festival.