Notas de prensa

O IX Annual Meeting do CINBIO reúne en Vigo 200 investigadores para explorar os avances que están a transformar a biomedicina e a nanotecnoloxía

Arredor de 200 investigadores e investigadoras, estudantes de doutoramento e profesionais procedentes de diferentes institucións académicas tanto nacionais como internacionais participan desde este luns no IX CINBIO Annual Meeting, a reunión anual do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS.

O evento, que se desenvolve ata mañá martes no Edificio de Ciencias Experimentais, está organizado por persoal posdoutoral do propio centro e, verán tras verán, vaise consolidando como un espazo de intercambio científico arredor das dúas grandes áreas estratéxicas do CINBIO: a biomedicina e os nanomateriais. Ao longo das dúas xornadas presentaranse 58 pósters científicos, ademais de ofrecerse oito conferencias a cargo de relatores e relatoras convidados, cuxas intervencións se intercalan coas denominadas short talks, nas que o estudantando de doutoramento terá ocasión de presentar os seus traballos.

Baixo o lema Shaping the Future – Bond by Bond, Cell by Cell, esta novena edición busca reforzar a conexión entre disciplinas e fomentar o diálogo entre persoal investigador consolidado e novas xeracións científicas, poñendo o foco en ámbitos como a inmunoloxía, a neurociencia, os biomateriais, a química supramolecular, ou a nanotecnoloxía aplicada á saúde.

A xuntanza arrancou esta mañá cun acto de apertura encabezado pola subdirectora do CINBIO, Diana Valverde, quen destacou a importancia dun evento que fai visible a fortaleza multidisciplinar do centro e a capacidade do persoal investigador para establecer sinerxías entre áreas aparentemente afastadas pero cada vez máis interconectadas. “Cremos que o progreso científico se constrúe paso a paso, a través da colaboración, da curiosidade e da integración de diferentes perspectivas. Todas e todos contribuímos a un obxectivo común: xerar coñecemento que mellore a vida das persoas”, subliñou no seu discurso. A organización corre a cargo dun comité organizador integrado por 12 investigadoras e investigadores posdoutorais, apoiados por un comité científico formado por 11 especialistas, asumindo o reto de deseñar un programa científico de alto nivel e orientado especialmente á promoción do talento investigador novo.

Carlos Martín, protagonista da primeira conferencia plenaria

Tras a inauguración, o primeiro relatorio da reunión chegou da man de Carlos Martí-Gastaldo, investigador do Instituto de Ciencia Molecular (ICMOL) da Universitat de València, que ofreceu a conferencia plenaria Programming Adaptive Chirality in Metal–Organic Frameworks. Ao longo das dúas xornadas do congreso, participarán tamén especialistas de referencia internacional como Agustin Mihi (ICMAB-CSIC), Ferrán Nadeu (Hospital Clínic de Barcelona), Paula Gómez (Hospital del Mar Medical Research Institute), Gustavo Fernández (University of Münster), Juan José Lasarte (Centro de Investigación Médica Aplicada, CIMA, Pamplona), Fiona Freeman (Universidade de Dublín), ou Mónica Giménez (ICMOL, Universidade de Valencia). Os seus relatorios permitirán coñecer avances recentes en inmunoterapia, investigación do cancro, fotónica, bioenxeñaría, nanotecnoloxía e química de materiais.

Un espazo para dar visibilidade ao talento investigador novo

Fiel ao espírito co que naceu en 2017, o Annual Meeting reserva un papel destacado ao persoal investigador en formación. O programa inclúe 20 comunicacións curtas presentadas por estudantes de doutoramento e persoal investigador novo, ademais de dúas sesións de pósteres destinadas a facilitar o intercambio de ideas, a discusión de resultados e o establecemento de novas colaboracións científicas.

Desde a súa creación, este encontro converteuse nunha oportunidade para que mozos e mozas investigadoras presenten os resultados dos seus proxectos compartindo escenario con especialistas de recoñecido prestixio internacional. Ao mesmo tempo, a iniciativa contribúe a reforzar as sinerxías entre grupos de investigación, fomentar a colaboración entre centros e proxectar cara ao exterior o traballo desenvolvido no CINBIO.

A reunión prolongarase ata mañá martes cun programa que combina relatorios científicos, sesións de discusión, presentacións curtas e actividades de intercambio profesional. Todo iso coa vontade de seguir consolidando o CINBIO Annual Meeting como unha cita de referencia para a comunidade científica vinculada á biomedicina e aos nanomateriais e como un escaparate da investigación de excelencia que se desenvolve na Universidade de Vigo.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-07-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES