Notas de prensa

A Coruña acolle a quinta edición do CAMS, un congreso internacional sobre envellecemento celular e metabolismo

O Campus de Oza acolle ata o 22 de xullo de 2026, o Cellular Aging and Metabolism Symposium, CAMS 2026, un encontro científico internacional centrado no estudo da relación entre o envellecemento celular, o metabolismo e o desenvolvemento de enfermidades asociadas á idade. O congreso, inaugurado esta mañá polo reitor da UDC, Ricardo Cao, reúne a persoal investigador procedente de universidades, hospitais e centros de investigación de España e doutros países europeos.

Ao longo de tres xornadas, as persoas participantes abordarán cuestións como a senescencia celular, as alteracións metabólicas, a disfunción mitocondrial, a regulación epixenética, a inflamación e os cambios no microambiente dos tecidos.

Na súa intervención, Cao, destacou o papel do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), cuxo traballo abrangue ámbitos como a bioloxía molecular e celular, o cancro, o envellecemento, as enfermidades metabólicas, a nanomedicina e outras terapias innovadoras.

O reitor da UDC aproveitou o escenario de hoxe para por en valor a estreita relación entre investigación e formación, lembrando a súa oferta académica en ciencias da saúde e destacando o recente acordo para impartir na Coruña o segundo ciclo do Grao en Medicina en colaboración co CHUAC, un avance que reforza a integración entre docencia, investigación e práctica asistencial. Neste contexto, subliñou a importancia de encontros científicos como CAMS2026 para impulsar novas colaboracións e favorecer que os avances da investigación se traduzan en beneficios reais para a sociedade.

O envellecemento é un dos principais factores de risco para numerosas enfermidades. Co paso do tempo, as células experimentan modificacións no seu metabolismo, na súa capacidade para producir enerxía e nos mecanismos que manteñen o correcto funcionamento dos tecidos. Estas alteracións contribúen ao deterioro funcional asociado á idade e poden favorecer a aparición de enfermidades cardiovasculares, neurolóxicas, metabólicas e oncolóxicas.

Neste contexto, coñecer as causas celulares e moleculares das enfermidades asociadas ao envellecemento é fundamental para avanzar na súa prevención. Comprender como se producen estes cambios permitirá identificar novos biomarcadores, detectar antes os factores de risco e desenvolver estratexias terapéuticas máis precisas.

O reto científico non consiste unicamente en prolongar a esperanza de vida, senón en conseguir que os anos adicionais se vivan cunha maior saúde, autonomía e calidade de vida. Para iso, resulta necesario comprender mellor a conexión entre metabolismo, envellecemento celular e enfermidade.

De aí que este simposio conte coa participación de especialistas procedentes de institucións científicas nacionais e internacionais, que compartirán os últimos avances sobre metabolismo celular, función mitocondrial, senescencia, cancro e enfermidades relacionadas coa idade.

O encontro está organizado por Juan Fafián e María Arufe, membros do Grupo de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR), do CICA e do INIBIC, coa colaboración de persoal investigador da Universidade da Coruña. O seu traballo, que integra investigación en terapia celular, medicina rexenerativa, envellecemento celular e cancro, constitúe un exemplo da importancia de conectar distintas disciplinas para comprender mellor os mecanismos da enfermidade e avanzar no desenvolvemento de novas estratexias diagnósticas e terapéuticas.

Evento satélite aberto ao público

Ademais do programa científico, CAMS 2026 celebrará na tarde deste luns 20 de xullo, ás 19:00 horas, no Café de Macondo da Coruña, a sesión aberta ao público “Envellecemento e Calidade de Vida”. Moderada por Sandra Rego, técnica de comunicación do CICA, contará coa participación de Cleo Bishop, do Blizard Institute da Queen Mary University of London e presidenta da International Cell Senescence Association; Estela Area Gómez e Ignacio Benedicto, do CIB-CSIC; e M. Carmen de Andrés, do INIBIC. As persoas participantes analizarán, dende unha perspectiva máis divulgativa, os mecanismos biolóxicos do envellecemento, a súa relación coa saúde e os retos para promover un envellecemento saudable.

A celebración deste simposio reforza o papel da Universidade da Coruña, do CICA e do INIBIC na investigación sobre envellecemento, metabolismo e saúde, e consolida A Coruña como punto de encontro para a comunidade científica que traballa na comprensión e prevención das enfermidades asociadas á idade.

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), creado en 2015, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.

Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 2021–2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-07-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES