Buscador
Noticias
A decimocuarta edición do Campus XuvenCiencia empezou este luns 29 coa presenza de 95 estudantes de 3º e 4ª da Eso, Bacharelato e Ciclos Medios de FP, procedentes de diversos puntos de todo o Estado. O Campus de Lugo da USC alberga, un ano máis, este campamento estival, no que o estudantado terá a oportunidade de achegarse á universidade a través de diversos proxectos, actividades, visitas e propostas de diversa índole.
O campus de Ourense acolle desde ata o día 2 de xullo a celebración do VII Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito. A cita, que ten como temática Gobernanza, cidadanía e estado democrático de dereito, é froito da cooperación do profesorado da UVigo, das universidades brasileiras Estadual de Londrina e Federal Fluminense de Río de Janeiro e do Instituto Gilvan Hansen.
Antes de que aparezan os problemas de conduta, existen sinais temperáns que poden axudar a comprender como se desenvolve o comportamento infantil e a intervir de forma preventiva. É o obxectivo do proxecto A-TRaVIeSA, que lidera Laura López Romero, investigadora do IPSiUS, está orientado a identificar os sinais temperáns dos problemas de conduta.
Dixitalización, virtualización e intelixencia artificial foron os eixes temáticos do seminario promovido este luns polo equipo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 co propósito de pór en común as áreas de traballo das e dos seus integrantes e avaliar posibles colaboracións nunha serie de áreas transversais ás diferentes liñas de investigación deste grupo da Facultade de Dirección e Xestión Pública.
A Rede CRUSOE celebrou a súa XVI Asemblea Xeral Ordinaria na Universidade da Coruña nun momento de plena transformación. A reunión constatou o papel activo da entidade no apoio para a construción da futura macrorrexión do Arco Atlántico e deu luz verde á constitución da Alianza Universitaria da Rexión Atlántica (AURA), unha nova rede transnacional de universidades do espazo atlántico europeo.
'Profundamente honrada de ser a primeira reitora desta universidade', cun 'compromiso claro co sistema universitario galego e co país ao que servimos' e 'coa determinación de facer da Universidade de Vigo unha institución excelente, moderna, igualitaria e de alta calidade da que todas e todos nos sintamos orgullosos'. Así asume, nas súas propias verbas, Carmen García Mateo o cargo de reitora da UVigo.
O grupo de Nanomateriais Biomiméticos do CINBIO acaba de incorporar un microscopio hiperespectral de campo escuro que permitirá estudar nanopartículas individuais e coñecer con maior precisión as súas propiedades ópticas. A nova infraestrutura supón un importante avance para o desenvolvemento do proxecto Chiral-Pro, centrado en comprender como interactúan as nanopartículas quirais con proteínas e outras biomoléculas.
O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) acaba de adherirse como membro asociado ao proxecto Ebrains, unha iniciativa europea que ten como obxectivo fomentar a investigación relacionada co cerebro e axudar a transferir os resultados obtidos no laboratorio á industria, en beneficio dos pacientes e a sociedade.
A Deputación da Coruña entregou no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, os Premios do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano o talento, a innovación, a capacidade de xerar emprego e o compromiso co territorio das empresas, autónomos e iniciativas emprendedoras da provincia.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ítaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.