Notas de prensa

O CINBIO incorpora un microscopio hiperespectral único para estudar nanopartículas

O grupo de Nanomateriais Biomiméticos do CINBIO acaba de incorporar un microscopio hiperespectral de campo escuro que permitirá estudar nanopartículas individuais e coñecer con maior precisión as súas propiedades ópticas. A nova infraestrutura supón un importante avance para o desenvolvemento do proxecto Chiral-Pro, centrado en comprender como interactúan as nanopartículas quirais con proteínas e outras biomoléculas.

A principal novidade do equipo é que permite realizar unha análise individualizada das propiedades ópticas dun gran número de nanopartículas simultaneamente, algo que non era posible coas técnicas empregadas ata agora, que só ofrecen información do promedio de millóns de partículas. Isto permitirá relacionar a polarización da luz dispersada por cada nanopartícula coa súa forma e estrutura, utilizando tamén técnicas complementarias como a microscopía electrónica.

Un equipo singular a nivel internacional

O equipamento presenta unha característica pouco habitual e actualmente non existe unha versión comercial equivalente. O seu desenvolvemento foi posible grazas á colaboración entre o grupo do CINBIO liderado por Luis Liz-Marzán e o grupo do profesor Weihai Ni (Soochow University, China), referente internacional neste ámbito de investigación e egresado da Universidade de Vigo. Posteriormente, a infraestrutura foi adaptada polo propio grupo investigador para as necesidades específicas de Chiral-Pro.

Entre as súas prestacións destaca a capacidade de rexistrar na mesma imaxe toda a información espectral para cada nanopartícula, acumulando un nivel de detalle excepcional. Ademais, pode detectar nanopartículas de apenas 20 nanómetros de tamaño, unhas 5000 veces máis pequenas ca o grosor dun cabelo humano.

Un antes e un despois para a investigación do grupo

A incorporación desta tecnoloxía supón un cambio significativo nas posibilidades experimentais do equipo investigador. O estudo individual das nanopartículas permitirá determinar con maior precisión a súa quiralidade e comprender mellor como se orixinan as propiedades ópticas observadas cando se analizan en conxunto.

“Esta información será clave para responder algunhas das preguntas fundamentais do proxecto e marcará un antes e un despois no tipo de experimentos que podemos levar a cabo no noso grupo e como a orixe da quiralidade nas nanopartículas ou o papel que desempeñan a súa xeometría e as súas propiedades plasmónicas na interacción coa luz”, destaca o investigador Luis Liz-Marzán.

Ao mesmo tempo, os datos xerados polo microscopio alimentarán modelos de intelixencia artificial que buscan predicir como se producirán as unións entre nanopartículas e biomoléculas. O obxectivo é avanzar cara a unha síntese máis racional e predictiva, na que sexa posible deseñar estruturas con propiedades concretas desde o inicio.

Cara a novos biosensores e ferramentas biomédicas

Os coñecementos obtidos grazas a este equipamento poderían contribuír ao desenvolvemento de novos biosensores capaces de detectar marcadores biolóxicos en concentracións moi baixas, así como mellorar estratexias de liberación de fármacos, diagnóstico ou tratamentos baseados en hipertermia.

Ademais, o carácter singular da infraestrutura abre a porta á colaboración con grupos de investigación de todo o mundo e reforza a capacidade do laboratorio para atraer talento especializado nun campo altamente competitivo.

O equipo detrás do microscopio

A posta en marcha da infraestrutura contou cun papel destacado de Carlos Renero, responsable do deseño, adquisición e optimización inicial do sistema, así como do modelado das propiedades ópticas medidas. Xunto a el traballa Zachary O'Dell, investigador posdoutoral procedente de Temple University (Filadelfia, Estados Unidos), especialista no uso de equipamentos similares. Ambos desenvolverán protocolos experimentais reproducibles e novas configuracións de medida que permitirán aproveitar ao máximo as capacidades desta tecnoloxía.

“Trátase dun importante reto técnico, especialmente na preparación das mostras e na manipulación de portamostras de microscopía electrónica para analizar simultaneamente a estrutura e as propiedades ópticas das nanopartículas. Ao mesmo tempo, a adaptación da técnica a novas preguntas científicas será un dos aspectos máis estimulantes do proxecto”, explica Carlos Renero.

Sobre Chiral-Pro

Financiado con máis de 9,2 millóns de euros a través dunha ERC Synergy Grant, Chiral-Pro reúne equipos de investigación de CIC biomaGUNE, CINBIO (Universidade de Vigo), a Universidade de Amberes e a Universidade de Michigan. Coordinado por Luis Liz-Marzán, o proxecto busca desenvolver unha metodoloxía para fabricar nanopartículas quirais con propiedades definidas, combinando síntese avanzada de nanomateriais, técnicas de imaxe tridimensional e intelixencia artificial.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Ãrea TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES