
A sesión inaugural estivo presidida polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande, e contou coa participación de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; o deputado provincial Miguel Fernández Méndez, o concelleiro Gustavo Díaz e a profesora Mercedes Novo, coordinadora do grupo XuvenCiencia. O campus rematará o venres 3 de xullo coa tradicional festa de despedida.
O Campus XuvenCiencia é unha actividade impulsada pola USC na que o estudantado desenvolverá algún dos 16 proxectos ofertados. Os proxectos pertencen a distintas parcelas das ciencias experimentais, ciencias sociais, humanidades ou a área biosanitaria. Esta edición do XuvenCiencia conta con dous proxectos novos: O que ves, o que elixes e Cow talk: descubrindo as emocións.
Proxectos ofertados
5W Obradoiro de xornalismo. Coñeceranse os segredos da comunicación científica e crearanse contidos para o Magazine XuvenCiencia. Os xuvenxornalistas serán os correspondentes oficiais do campus.
Análises clínicas: que me pasa, doutora? Coñecerase o valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades.
Animal CSI: realidade ou ficción? Aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais.
AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduíno. Mediante hardware libre e sensores ambientais de baixo custo, o alumnado rexistrará parámetros do medio ambiente, como temperatura ou humidade.
Árbores en tubos de ensaio. O cultivo in vitro permitirá obter copias de árbores xeneticamente idénticas a partir de fragmentos vexetais.
Controla e compite cun robot de sumo! Constrúe, programa e domina o anel de sumo! Introdución á electrónica, programación e control automático mediante a construción de robots.
O que ves, o que elixes. Laboratorio de decisión de compra alimentaria. Este novo proxecto afonda na percepción visual e nos procesos de toma de decisións na compra de produtos alimentarios.
Veterinarias en apuros. Inmersión no Hospital Veterinario Rof Codina, participando en consultas, diagnósticos e procedementos clínicos.
CowTalk: descubrindo as emocións e o comportamento das vacas. Nova proposta centrada na etoloxía e no benestar animal a través do estudo do comportamento bovino.
Fotosíntese artificial. Procura de novas fontes enerxéticas mediante a descomposición da auga por vías fotoquímicas e electrolíticas.
Supera este reto! Educando con ciencia. Experimentación con metodoloxías educativas innovadoras baseadas en retos e aprendizaxe activa.
Enfermaría, farmacia e medicina: traballando pola nosa saúde. Aprendizaxe de constantes vitais, probas diagnósticas e técnicas básicas sanitarias.
Fai ciencia coas letras. Investigación histórica a partir de documentación de arquivo para reconstruír casos reais.
Patóxenos animais: na procura dos malos. Estudo de bacterias e virus e das técnicas de diagnóstico de enfermidades infecciosas.
Ferramentas ADN: unha cebra na auga e DNI xenético. Aplicación de técnicas de bioloxía molecular para resolver casos de identificación xenética en animais.
Fai tremer os teus cimentos. Deseño de estruturas e análise do seu comportamento fronte a simulacións sísmicas.
Os proxectos levaranse a cabo durante as mañás en distintas facultades do campus lucense e pola tarde desenvolveranse actividades complementarias como obradoiros, visitas guidas ou máis experimentos na universidade. Na páxina web xuvenciencia.org pode consultarse información máis detallada sobre cada proxecto ou sobre as actividades complementarias.
Datos do estudantado
O Campus XuvenCiencia 2026 contará cun total de 95 alumnos e alumnas, de idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos. A maior parte do estudantado (84 dos 95) procede de Galicia (41 da provincia da Coruña, 13 de Lugo, 29 de Pontevedra e 1 de Ourense). Os once restantes chegan á cidade lucense procedentes de Burgos (3), Tenerife (3), Cidade Real, Córdoba, A Rioxa, Barcelona e Madrid. Hai máis alumnas (56) que alumnos (39). A distribución por curso académico é a seguinte: 16 de 3º da Eso, 34 de 4ª da Eso, 34 de 1º de BAC e 11 de 2º de BAC. Este ano non hai alumnos procedentes da Formación Profesional.
Premios
Un ano máis, grazas aos patrocinadores de XuvenCiencia o estudantado poderá optar a diversos premios no concurso de vídeos de presentación de cada proxecto. O premio Aresa júnior galardoará as habilidades artísticas e comunicativas do vídeo, mentres que o premio Proxéctate en Galego valorará o uso do galego como lingua de traballo.
O voluntariado da USC, fundamental para XuvenCiencia
O Campus XuvenCiencia sería imposible sen a achega do programa de monitorado, que se realiza co apoio da oficina de voluntariado do Campus de Lugo. Son estudantes de grao, máster e doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela os que participan como monitorado científico. Boa parte dos voluntarios foron no seu día alumnos do XuvenCiencia que decidiron continuar os seus estudos na Universidade de Santiago, moitos despois de descubrir a súa vocación no campus de verán. Este feito pon en valor a importancia da celebración de eventos como XuvenCiencia, que permiten a moitos rapaces vivir de primeira man as opcións que lle ofrece a universidade, achegarse a ela e pechar o círculo ensinándolle aos máis novos todo este camiño.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.