Notas de prensa

O Observatorio da Gobernanza explora liñas de traballo conxunto centradas na dixitalización e na intelixencia artificial

Dixitalización, virtualización e intelixencia artificial foron os eixes temáticos do seminario promovido este luns polo equipo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 co propósito de pór en común as áreas de traballo das e dos seus integrantes e avaliar posibles colaboracións nunha serie de áreas transversais ás diferentes liñas de investigación deste grupo da Facultade de Dirección e Xestión Pública.

O obxectivo deste encontro, sinalou o coordinador do observatorio e decano da facultade, Enrique Varela, era “presentar as nosas liñas individuais para que despois poida facerse algún traballo colectivo”, tanto no eido da investigación como no da “transferencia de coñecemento e a divulgación”.

Promovido coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, este seminario buscaba tamén sumarse á conmemoración do Día das Nacións Unidas para a Administración Pública, celebrado o pasado 23 de xuño. “Queremos institucionalizar dalgunha maneira este encontro de traballo, a través dun seminario que coincida con estas datas”, recoñecía nese senso Varela, encargado de abrir unha xornada na que as e os integrantes do Observatorio da Gobernanza foron abordando os seus ámbitos de investigación. Nese senso, esta iniciativa permitiu afondar en traballos centrados na dixitalización no eido da educación, da saúde ou da xestión pública, así como nas súas implicacións nas políticas da Unión Europea, mais tamén para abordar liñas de traballo entradas nas fronteiras, na cooperación, na xestión medioambiental, na participación cidadá nas políticas públicas ou no uso da intelixencia artificial na optimización de datos.

“Todo ten algunha concomitancia ou algunha conexión coa virtualización, a dixitalización e a intelixencia artificial”, salientou Varela respecto das liñas de traballo dun grupo “que é moi transversal e que abrangue diferentes niveis de políticas públicas e diferentes niveis de administración”. Ademais, ás vinculacións temáticas das diferentes liñas súmase tamén, lembro, a propia experiencia docente das e dos seus integrantes en materia de virtualización educativa, tanto na modalidade virtual do Grao en Dirección e Xestión Pública como no Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional.

De aí que Varela incidise en que o propósito deste seminario era “visualizar” as diferentes áreas de traballo, co propósito non só de coñecer “o momento actual de investigación de cada quen”, senón tamén de avaliar “futuras liñas de investigación e transferencia”. Combinando a asistencia presencial e virtual, a xornada abrangueu en primeiro termo unha serie de intervencións breves nos que máis dunha decena de investigadores e investigadoras abordaron as súas liñas de traballo actuais, para despois dar lugar a “un espazo de debate” coa idea, apuntou Varela, tanto de “falar de desafíos futuros” como de que “poida facerse algún traballo colectivo”.

Da investigación á divulgación

Como explica Varela, o propósito desta xuntanza era que a presentación das diferentes liñas servise para “conectar non só a investigación”, senón tamén para promover iniciativas nunha área “cada vez máis necesaria, que ten que ver coa transferencia de coñecemento e a divulgación científica”. Nese senso, outro dos eixes desta iniciativa foi estudar a posibilidade de desenvolver actividades ao abeiro do “laboratorio de podcast” impulsado pola Facultade de Dirección e Xestión Pública, así como abordar como “aquelo que se fai na academia” poida ter un “impacto nas organizacións”, tanto no ámbito das institucións públicas, como no empresarial e no do terceiro sector.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-06-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES