
A terceira edición do Vendaval, dedicada a Historia e territorio, iniciou así o seu percorrido cunha programación que explorou as relacións entre os lugares que habitamos e as historias que os atravesan, desde a memoria histórica e as herdanzas coloniais ata as transformacións urbanas e as desigualdades do presente.
Un dos sinais de identidade do Vendaval é levar o cinema a espazos que habitualmente non forman parte dos circuítos cinematográficos, combinando cultura, territorio e encontro. Nesta primeira parte da terceira edición, a programación pasou por espazos culturais, establecementos de restauración e adegas da Ribeira Sacra.
O festival comezou en A Palleira, en Sarria, cunha sesión de curtametraxes centrada nas transformacións urbanas e a xentrificación das cidades portuguesas, que contou coa presenza do director Jorge Quintela e da actriz Ana Vilaça. Ao día seguinte, a programación trasladouse á Aldaba de Rosende, en Sober, para a proxección de Entroncamento, de Pedro Cabeleira, que participou no encontro co público xunto a Ana Vilaça e Sérgio Coragem.
A sesión máis multitudinaria tivo lugar na Abadía da Cova, no Saviñao, onde o concerto de Calcutá precedeu á proxección de Onte á noite conquistei Tebas, de Gabriel Azorín, nunha sesión que puxo en diálogo cinema, música e paisaxe.
Na fin de semana, o Vendaval concentrou a súa actividade na Casa da Memoria, en Bóveda, un espazo cultural dedicado á difusión da cultura galega, o patrimonio, a historia e o coñecemento. Alí puideron verse As Estações, de Maureen Fazendeiro; O Riso e a Faca, de Pedro Pinho, e Banzo, de Margarida Cardoso, ademais da proxección de clausura de San Simón, de Miguel Ángel Delgado.
A presenza de profesionais vinculados ás películas foi un dos elementos centrais da mostra. Ademais de Jorge Quintela, Ana Vilaça, Pedro Cabeleira, Sérgio Coragem, destacou a presenza da directora de Banzo, Margarida Cardoso, que non quixo perdes a estrea en Galicia do seu filme. O programa contou tamén coa participación de; Melánia Freire, actriz de As Estações; Miguel Ángel Delgado, director de San Simón, e Xurxo Ayán, que participou nunha conversa sobre memoria histórica.
O Vendaval reivindica así a posibilidade de ofrecer no rural propostas culturais diferentes, accesibles e de calidade, aproveitando os espazos e recursos propios da Ribeira Sacra e xerando novas relacións entre o cinema e o territorio.
Este primeiro pase dá inicio á terceira edición do Vendaval, que terá continuidade con dous novos pases durante o outono e a primavera, nos que a mostra incorporará novas propostas e proxeccións para seguir achegando o cinema portugués á Ribeira Sacra.
Sobre o Vendaval
Vendaval é un espazo de divulgación do cinema portugués na Ribeira Sacra que pretende ser un punto de encontro entre o cinema e a realidade dos dous lados da fronteira. Cun programa que destaca as coproducións luso-galegas e os vínculos artísticos e culturais entre ambos territorios, é tamén unha aposta polo cinema de autor no rural. A mostra articula o cinema con concertos, conversas, obradoiros, actividades gastronómicas e de contacto coa natureza. O evento ten o patrocinio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.