Notas de prensa

Logran por primeira vez a edición xenética dun xene de susceptibilidade nunha especie forestal, o castiñeiro

Un equipo internacional liderado desde Galicia polo grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC e que contou coa participación do investigador da Facultade de Bioloxía Javier Sampedro conseguiu por primeira vez a edición xenética dun xene de susceptibilidade nunha especie forestal, o castiñeiro europeo (Castanea sativa), aplicando a tecnoloxía CRISPR/Cas9. No estudo colaboran tamén as Universidades de Turín e Politécnica de Madrid.

O traballo, publicado recentemente na revista científica Plant Stress, supón un importante avance na mellora xenética das especies forestais e na loita contra as enfermidades que ameazan a sustentabilidade dos soutos. Os xenes de susceptibilidade son propios da planta e desempeñan funcións fisiolóxicas normais, pero determinados patóxenos poden aproveitalos para infectar e colonizar o organismo vexetal. A súa inactivación ou modificación mediante edición xenética pode reducir a capacidade do patóxeno para causar enfermidades, aumentando así a tolerancia ou resistencia da planta.

“O castiñeiro europeo, sobre o que no noso grupo contamos cunha traxectoria investigadora de máis de tres décadas, é unha especie moi versátil de grande importancia ecolóxica, económica e cultural en toda Europa. Con todo, enfróntase a graves ameazas como a enfermidade da tinta e o cancro do castiñeiro, causadas respectivamente por Phytophthora cinnamomi e Cryphonectria parasitica, cuxa gravidade aumentou nos últimos anos debido ao cambio climático. Unha prometedora estratexia de edición xenética para conferir tolerancia aos patóxenos consiste en inactivar os xenes de susceptibilidade nas plantas”, explica Elena Corredoira Castro, científica titular do CSIC na MBG.

“Os recentes avances na edición xenética, en particular CRISPR/Cas9, melloraron a eficiencia e a precisión da modificación xenética en árbores, permitindo modificacións xenómicas dirixidas con alta precisión e a edición simultánea de múltiples xenes. Aínda que a versatilidade e a eficacia das novas técnicas de edición xenética son enormes, necesitan dun sistema de rexeneración in vitro que permita obter unha planta a partir da célula editada. Neste sentido, a embriogénese somática é o método de rexeneración máis eficaz, particularmente en especies forestais como o castiñeiro. Neste traballo comprobouse que, combinando os sistemas de embriogénese somática definidos polo noso grupo coa técnica CRISPR-Cas9, é posible tanto incorporar xenes marcadores como modificar aqueles relacionados coa resistencia ás enfermidades, liña na que levamos traballando arredor de dúas décadas”, apunta Elena Corredoira.

Recentemente comprobouse o papel do xene de susceptibilidade Cspmr4, que sintetiza unha calosa e cuxa expresión aumenta no castiñeiro europeo tras a infección por P. cinnamomi, o que subliña a súa posible implicación nos mecanismos de susceptibilidade e tolerancia á enfermidade. Neste contexto, o obxectivo principal deste traballo foi silenciar o xene Cspmr4 mediante a tecnoloxía CRISPR/Cas9 no castiñeiro europeo co fin de desenvolver plantas con maior tolerancia ao oomiceto P. cinnamomi. Para iso, editouse o xene Cspmr4 en embrións somáticos, avaliouse a eficiencia da súa edición nos explantes rexenerados e a tolerancia a P. cinnamomi tanto nos embrións somáticos como nas plantas derivadas destas liñas editadas.

O traballo desenvolveuse fundamentalmente nos laboratorios da MBG (Santiago de Compostela) no marco dos proxectos do Plan Estatal financiados pola Axencia Estatal de Investigación ‘Biotecnoloxía aplicada á produción de xenotipos de aciñeira e castiñeiro tolerantes a P. Cinnamomi’ e ‘Novos enfoques para superar as limitacións actuais na xeración, propagación e conservación de xenotipos de castiñeiro e aciñeira con tolerancia a P. Cinnamomi’.

“Conseguimos editar con éxito o xene de susceptibilidade Cspmr4 en embrións de castiñeiro mediante a técnica CRISPR/Cas9, acadando altas eficiencias de silenciamiento xenético. As observacións realizadas son consistentes cunha maior activación da resposta defensiva nas mostras modificadas e respaldan a hipótese de que a inactivación de Cspmr4 podería afectar ás vías relacionadas coa defensa no castiñeiro. A técnica demostrou ser altamente eficiente, xerando principalmente mutacións homocigotas ou bialélicas. Aínda que a transformación mostrou unha dependencia xenotípica e a rexeneración de plantas a partir de embrións editados foi limitada, os resultados demostraron unha tolerancia significativamente mellorada a P. cinnamomi, evidenciada por maiores taxas de supervivencia e unha menor necrose radicular. Estes resultados apoian, polo tanto, a hipótese de que a inactivación de Cspmr4 aumenta a resistencia ao patóxeno e representa unha estratexia viable para a mellora xenética do castiñeiro”, conclúen.

As plantas editadas amosaron in vitro unha maior tolerancia fronte a Phytophthora cinnamomi, o patóxeno responsable da enfermidade da tinta do castiñeiro, unha das principais ameazas para esta especie en Europa e, en particular, nas rexións produtoras do noroeste da Península Ibérica. Este resultado abre novas posibilidades para o desenvolvemento de variedades de castiñeiro máis resilientes, contribuíndo á conservación dos ecosistemas forestais e á sustentabilidade da produción de castaña.

“Consideramos que este resultado, pioneiro, constitúe un fito en biotecnoloxía forestal, ao demostrar a viabilidade da edición dirixida de xenes de susceptibilidade en especies leñosas. Ademais, supón a primeira evidencia da edición eficaz dun xene de susceptibilidade nunha especie forestal, sentando as bases para futuras estratexias de mellora xenética fronte a enfermidades emerxentes en árbores forestais”, valoran desde o equipo de investigación.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-07-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES