Buscador
Noticias
O campus de Ourense acolle a proposta expositiva fotográfica 'A pel. Epílogo', comisariada por Xosé Lois Vázquez e formada por dúas exposicións: Da aparencia á aparición, de Xabier Fernández, e Bestiario de Femias, de Gabriela Rivera. As súas obras poden verse respectivamente na Sala Alterarte e no Paseo da Igualdade, situado ao seu carón. A proposta dá continuidade ao ciclo expositivo da Sala Alterarte Reciprocidade, posto en marcha o pasado curso académico.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu, do 21 ao 23 de xaneiro, a terceira reunión do Iberian White Dwarf Working Group, coordinado pola investigadora da UDC Minia Manteiga. Este evento reuniu a expertos en astrofísica para debater e compartir os últimos avances na investigación sobre as ananas brancas.
Un traballo liderado por persoal investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), a Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) e a Universidade de Valencia (UV) estuda a posible existencia de asimetrías no universo a través da análise do sentido de xiro das fusións de buracos negros. O artigo acaba de publicarse na revista Physical Review Letters, unha das máis prestixiosas do mundo no ámbito da física.
A RAGC e a UIE celebraron o acto de entrega dos Premios para investigadoras e investigadores xoves, galardóns que nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade, e contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías Industriais da UVigo, Cintecx, deu a coñecer as tres propostas gañadoras de Cintecx Challenge25, unha convocatoria de axudas dirixida a financiar o desenvolvemento de proxectos de I+D colaborativos entre os diferentes grupos adscritos ao centro, pensando sobre todo, en impulsar as propostas das investigadoras e investigadores máis novos.
O próximo mes de febreiro as JAI, Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, celebrarán a súa décima edición e farano co programa de conferencias e mesas redondas máis extenso da súa historia, con 70 relatores, o que se traduce en máis de 40 horas de ponencias. Entre os convidados, algúns tan coñecidos como o doutor Diego González.
Tadahiko Horiguchi (Osaka, 1943), tamén coñecido polo seu pseudónimo de pintor 'Tokoitta', é un dos primeiros e máis destacados creadores do anime xaponés e discípulo do 'deus do manga', Osamu Tezuka, ademais de ser un dos poucos que seguiu creando obras sen cesar ata os nosos días. Parte da obra deste creador exporase ata o 28 de febreiro no Claustro Alto do Colexio de Fonseca grazas á colaboración entre a USC e a Fundación Araguaney.
O campus de Ourense acolle esta semana a xornada de lanzamento do proxecto europeo 5G: Stop Forest Fire For 5Green. Coordinado desde a Universidade de Vigo, o seu obxectivo é crear unha plataforma dixital de alfabetización ambiental na que se amosará a conexión entre o cambio climático e os incendios forestais e se porá de relevo a riqueza dos ecosistemas forestais e o seu impacto ambiental.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, contribuirá nos vindeiros anos á rede MicroNanoSpain, un proxecto para fortalecer o deseño e fabricación de chips e semicondutores no ámbito español e europeo. O instituto compostelán achegará os seus coñecementos e recursos no campo do deseño microelectrónico, sistemas de adquisición de datos, cálculo e computación.
A Biblioteca Virtual Egeria vén de chegar aos catrocentos títulos de obras ao dispor do público a través de GaliciaDigital. Son obras de narrativa ou poesía, de investigación ou ensaio, en galego e castelán, cedidas polos seus autores para a súa difusión entre os interesados polos diversos temas, que poden descargarse gratuitamente na súa totalidade. As obras poden ter sido publicadas sen interese comercial, estar esgotadas ou inéditas, polo que será moi dificil acceder a elas por outro medio.