Buscador
Noticias

O Consello Galego de Intelixencia Artificial celebrou esta semana a súa primeira reunión executiva tras a súa constitución o pasado 25 de abril. Na reunión deuse conta das aportacións dos integrantes do Consello ao Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027, que será elevado ao Consello de Goberno da Xunta proximamente. Este Programa busca consolidar a Galicia como referente no desenvolvemento e aplicación da IA, acelerando a adopción desta tecnoloxía en todos os sectores da sociedade galega. Neste sentido, Galicia foi unha das tres primeiras Comunidades en aprobar unha estratexia propia de IA e a primeira rexión europea en aprobar unha lei para o seu desenvolvemento e uso na Administración e a súa promoción na sociedade.

Danza no Camiño, o festival itinerante que mestura arte, danza e música con inspiración na ruta xacobea, chegará o mércores 16 a Galicia cunha primeira parada cultural en Sarria, á que lle seguirán as do xoves 17 en Portomarín e do venres 18 en Santiago de Compostela como meta do percorrido iniciado o pasado 1 de xullo en Huesca. Baixo a produción da compañía galega SóLODOS, a iniciativa conta co patrocinio da Xunta para o seu desenvolvemento en territorio galego. Os tres devanditos concellos polos que discorre o Camiño Francés acollerán espectáculos inéditos de España e Taiwán, así como a peza Onde pousa a humidade, asinando pola viguesa Marcia Vázquez, artista convidada desta sétima edición da proposta.

A campaña de Trens Turísticos da Xunta de Galicia sigue o seu percorrido este mes de xullo de xullo con varios dos traxectos practicamente vendidos, o que da mostra da excepcional acollida deste produto turístico deseñado por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico INORDE, dependente da Deputación de Ourense. Cun nivel xeral de ocupación do 71,4%, aínda quedan billetes sobre todo para as saídas de agosto, setembro e outubro. Están á venda a totalidade dos traxectos que compoñen o programa de Trens Turísticos de Galicia. As persoas que queiran gozar desta experiencia singular, que une o desprazamento en tren con visitas a lugares senlleiros da comunidade, teñen aínda oportunidade de comprar o seu billete para os traxectos nos que quedan prazas.

O Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) é unha entidade dedicada á innovación e á sustentabilidade no ámbito mariño. A súa misión é impulsar unha relación máis eficiente e responsable co medio marítimo, favorecendo o crecemento dos sectores pesqueiro e acuícola a través da investigación, a transferencia tecnolóxica e a colaboración institucional. Fundado no 2001 co apoio da Xunta de Galicia e do Goberno español, o CETMAR ten ampliado a súa influencia dende o ámbito local ata proxectos internacionais. A súa rede de colaboracións inclúe máis de 900 entidades de 61 países, abarcando universidades, centros de investigación, empresas e administracións públicas.

A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, foi a encargada de inaugurar e moderar unha nova edición dos Encontros virtuais Xunta-UE, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións comunitarias. O representante da Comisión explicou os antecedentes da política de cohesión, que leva máis de 40 anos tratando de reducir as disparidades entre as rexións europeas co obxectivo de lograr un desenvolvemento económico, social e territorial equilibrado. Pola súa parte, o representante da Consellería de Facenda explicou como están a revisar os actuais programas FEDER e FSE 2021-2027 no marco da revisión a medio prazo prevista na actual lexislación.

O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 20252026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.

As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado.

Os Concertos do Xacobeo achegan a arte de Carlos Núñez, considerado como un dos mellores gaiteiros do mundo, ás Ermidas coa súa nova e singular xira 'Lugares Máxicos 2025'. O artista actuará no marco incomparable do Adro do Santuario da localidade ourensá o xoves, 17 de xullo, contra ás 20,00 horas. Os Concertos do Xacobeo danlle tamén cobertura a outras oito citas do músico este verán noutros escenarios únicos como Baiona, Ribadeo, Vilanova de Arousa, Salvaterra de Miño, Boqueixón, Marín, Sober e Sobrado.

Un total de 113.114 persoas incorporáronse ao uso de internet en Galicia entre 2021 e 2024. Nese mesmo período os fogares con internet contratado incrementáronse en 55.208 e son xa o 95,5% do total das vivendas galegas. Os incrementos máis significativos rexístranse nos indicadores nos que Galicia presentaba os valores máis baixos, como nos concellos de menos de 5.000 habitantes, onde a contratación de internet nos fogares crece un 11,6% e sitúase por primeira vez por riba do 90%; e no uso de internet entre as persoas de 65 a 74 anos, que roza o 75%, cun aumento de máis dun 13% respecto ao ano pasado. Estas datos, recollidos no estudo 'Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2024', que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información en Galicia, reflicte o crecemento sostido da Comunidade cun aumento xeneralizado no uso de Internet.

Alfonso Rueda informou de que o Consello 'aprobou a orde para a posta en marcha do Bono Peixe' que ofrecerá 'ata 50 ' para mercar peixe e marisco frescos nos establecementos da comunidade adheridos. Unha medida coa que a Xunta busca 'incentivar o consumo' destes produtos galegos que son sinónimo 'de excelencia e calidade' por todo o mundo e 'facer unha chamada atención' sobre o descenso destes alimentos na dieta que se está a vivir 'a nivel nacional, europeo e mundial e do que Galicia non é allea'.