Noticias

Preto de 100.000 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo FSE+

Preto de 100.000 persoas en Galicia (98.480) beneficiáronse xa das 87 actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. Deste total, o 55% das persoas beneficiadas son mulleres. Os obxectivos principais desas accións son apoiar o emprego, a educación e a formación, tendo en conta sobre todo ao colectivo xuvenil, a protección social e a loita contra a pobreza, en particular a pobreza infantil, así como a atención á saúde mental. Desde a aprobación do programa en decembro de 2022 seleccionáronse, en todas as súas prioridades, actuacións por importe de 315 millóns de euros, que se poderá executar ata o 31 de decembro de 2029.

De entre as accións seleccionadas en 2025 para a súa financiación, cabe destacar o Programa de atención sociosanitaria para persoas con trastorno mental severo ou o Programa Galicia Moza con ALMA, unha iniciativa da UE co obxectivo de axudar á mocidade máis desfavorecida a integrarse na sociedade accedendo a un emprego ou a unha formación a través de programas de mobilidade transnacional.

Ademais, a través da modificación do Programa de Galicia recentemente aprobada, está previsto cofinanciar tanto accións aliñadas coa Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa (STEP) que, co FSE+, ampara investimentos que teñan como fin acadar unha man de obra cualificada e resiliente, como novas accións en materia de vivenda e de innovación social.

Comité de seguimento

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, deu a benvida ao membros do Comité de seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021 – 2027 que se celebra hoxe, martes, na Sala de Plenos do Consello Económico e Social de Galicia.

Por parte da Xunta de Galicia, preside a reunión o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, xunto con representantes da Comisión Europea e da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE) do Ministerio de Traballo e Economía Social. Na xornada de traballo participan tamén representantes dos organismos xestores das actuacións na Xunta de Galicia, así como das organizacións máis representativas nos eidos de emprego, a educación, a formación e a inclusión social: universidades, CES, CEG, sindicatos e entidades do terceiro sector.

A celebración da reunión complétase con dúas visitas a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo Plus, nos ámbitos da saúde mental e da formación e o emprego xuvenil.

Miguel Corgos aproveitou a súa intervención para defender novamente que as rexións deben seguir xogando un papel central na planificación e na xestión dos fondos de xestión compartida.

R., 2025-11-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES