Buscador
Notas

'Profundamente honrada de ser a primeira reitora desta universidade', cun 'compromiso claro co sistema universitario galego e co país ao que servimos' e 'coa determinación de facer da Universidade de Vigo unha institución excelente, moderna, igualitaria e de alta calidade da que todas e todos nos sintamos orgullosos'. Así asume, nas súas propias verbas, Carmen García Mateo o cargo de reitora da UVigo.

No verán de 2022, unha tormenta eléctrica seca desencadeou na Serra do Courel (Lugo) o maior incendio forestal rexistrado oficialmente ata esa data en Galicia: 12.768 hectáreas afectadas en apenas dúas semanas. Agora, un equipo de investigadores da USC e a Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) acaba de publicar na revista internacional Fire Ecology un estudo científico que analiza como responderon as comunidades de aves a ese megaincendio durante a primeira tempada de cría posterior, unha fiestra ecolóxica crítica para avaliar a súa recuperación.

O grupo de Nanomateriais Biomiméticos do CINBIO acaba de incorporar un microscopio hiperespectral de campo escuro que permitirá estudar nanopartículas individuais e coñecer con maior precisión as súas propiedades ópticas. A nova infraestrutura supón un importante avance para o desenvolvemento do proxecto Chiral-Pro, centrado en comprender como interactúan as nanopartículas quirais con proteínas e outras biomoléculas.

A Deputación da Coruña entregou no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, os Premios do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano o talento, a innovación, a capacidade de xerar emprego e o compromiso co territorio das empresas, autónomos e iniciativas emprendedoras da provincia.

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) acaba de adherirse como membro asociado ao proxecto Ebrains, unha iniciativa europea que ten como obxectivo fomentar a investigación relacionada co cerebro e axudar a transferir os resultados obtidos no laboratorio á industria, en beneficio dos pacientes e a sociedade.

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.

A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ítaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande, e a directora do Campus Terra, Marta Miranda, inauguraron este xoves 18, no edifico Cactus do Campus de Lugo, unha nova edición do Foro empresarial GaliciaAsia que xirou na súa primeira xornada arredor do ecosistema da saúde. Alimentación e lonxevidade, así como as posibilidades da robótica asistencial, foron outros dos aspectos abordados na reunión.

O transporte marítimo enfróntase a un dos grandes desafíos da súa transición enerxética: decidir que combustibles alternativos empregar nun contexto no que aínda existe pouca experiencia operativa e escasean os datos sobre o seu comportamento real. Metano, metanol, amoníaco ou hidróxeno aparecen como alternativas para reducir as emisións do sector, pero a súa implantación introduce novas incógnitas relacionadas coa seguridade, o almacenamento e a operación dos buques.

'A idea tomou corpo nun rato de charla espontánea, pero porque xa nos roldaba', recoñece Fernando Romo Feito, editor e tradutor da Eneida en verso ao castelán, publicada por La Oficina de Arte y Ediciones. Precisamente foi cos editores da obra cos que o docente e investigador xubilado da UVigo Fernando Romo mantivo hai tres anos esa conversa e da que xurdiu unha obra sobre a que asegura 'de non gustarlles o resultado, sei que non a sacarían'.