Notas de prensa

O valor monetario dos coidados informais en Galicia ascende a 5500 millóns de euros ao ano

Os coidados informais en Galicia equivalen a 491,35 millóns de horas anuais e o seu valor monetario sitúase en arredor de 5500 millóns de euros ao ano. Estes son algúns dos datos recollidos no estudo El Derecho al Cuidado y la Economía de los Cuidados en España. O documento, realizado no marco do proxecto Iberlongeva coa participación da Universidade de Vigo, foi presentado este xoves no campus de Ourense.

Iberlongeva é un proxecto transfronteirizo entre España e Portugal centrado na lonxevidade saudable e a prevención da fraxilidade e está financiado no marco do Programa Interreg VI-A España–Portugal (Poctep 2021–2027) e fondos Feder da Unión Europea cunha axuda de 1,7 millóns de euros. Está impulsado pola Universidade de Vigo, a Universidad de Salamanca e o Instituto Politécnico de Bragança e coordinado polo Centro Internacional sobre o Envellecemento (Cenie). Por parte da UVigo participa un equipo formado por persoal docente e investigador da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Facultade de Dereito, a Facultade de Educación e Traballo Social e a Escola Universitaria de Enfermaría. O estudo foi dirixido por Ignacio Ãlvarez e Jorge Uxó, profesores titulares de Economía Aplicada na Universidad Complutense de Madrid.

Déficits na cobertura real de coidados

O informe presentado, indican os seus responsables, “analiza se España garante de forma efectiva o dereito a recibir coidados cando unha persoa os necesita, especialmente en situacións de dependencia, envellecemento ou perda de autonomía”. Para iso, examina o funcionamento do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, SAAD, a suficiencia dos apoios públicos, o peso do coidado informal e o impacto económico de reforzar as políticas de coidados de longa duración. Ademais, inclúe unha lectura territorial específica para Galicia baixo o título Claves para Galicia: dereito, territorio e futuro. “No caso galego, o estudo identifica unha realidade especialmente esixente: o 26,9% da poboación de Galicia ten 65 anos ou máis, fronte ao 20,7% da media española. Ademais, o 98% das persoas con discapacidade que reciben coidados no seu fogar e o 96% das persoas con dependencia recoñecida reciben algún tipo de coidado informal”, recolle o documento.

Segundo o estudo, os coidados informais en Galicia equivalen a 491,35 millóns de horas anuais e o seu valor monetario sitúase entre 4227 e 5495 millóns de euros ao ano, segundo os diferentes escenarios de cálculo utilizados. “Estes datos evidencian que unha parte esencial do benestar en Galicia segue dependendo do traballo non remunerado, principalmente familiar, que sostén o sistema sen suficiente recoñecemento social, laboral e económico”, apunta o equipo investigador.

No documento sinálase que “Galicia presenta indicadores administrativos favorables, pero mantén importantes déficits na cobertura real de coidados”. Así, detállase, a comunidade reduciu o chamado “limbo da dependencia” ata o 0,5% en 2025, fronte ao 36% rexistrado en 2015, situándose moi por debaixo da media nacional, que é do 6,3%. Con todo, o tempo medio de acceso ás prestacións segue sendo elevado segundo recolle o informe, con 329 días de espera, unha cifra próxima á media estatal e afastada de comunidades como o País Vasco ou Castela e León. No informe tamén se apunta que Galicia mantén unha fenda absoluta de coidados do 83,6%, por riba da media nacional. “Noutras palabras: aínda que o sistema mellorou na tramitación e resolución administrativa, as necesidades de coidado seguen sendo moi superiores aos apoios efectivamente dispoñibles”, sinálase desde no documento.

O coidado como dereito social, non como responsabilidade privada

En El Derecho al Cuidado y la Economía de los Cuidados en España insístese en que “os coidados de longa duración deben recoñecerse como un dereito social e non como unha responsabilidade privada ou exclusivamente familiar”. En Galicia, detállase, 298.810 persoas teñen discapacidade, das cales o 44% conta cun grao igual ou superior ao 33%, e 54.950 persoas teñen dependencia recoñecida. Entre as persoas con dependencia que reciben coidados en Galicia, o 73% ten 65 anos ou máis, fronte ao 68% da media nacional. “Este contexto converte Galicia nun territorio clave para debater o futuro dos coidados. O envellecemento demográfico, a dispersión poboacional e o peso das familias na provisión de coidados fan especialmente urxente avanzar cara a un modelo máis profesionalizado, domiciliario, comunitario e centrado na persoa”, afirman os autores do estudo.

No texto sublíñase ademais que reforzar as políticas públicas de coidados non só ten impacto social, senón tamén económico: en España, en 2023, 10.623 millóns de euros en prestacións xeraron un impacto de 17.260 millóns sobre o PIB, cun multiplicador próximo a 1,6. Aplicado a Galicia, cada 100 millóns de euros de investimento público en coidados poderían mobilizar arredor de 160 millóns de euros de actividade económica. Ademais, por cada euro que as administracións públicas destinan a coidados de longa duración, o informe sinala que ingresan potencialmente 49 céntimos en retornos fiscais e cotizacións. “En Galicia, este dato cobra especial relevancia pola elevada incidencia do coidado informal e pola oportunidade de transformar parte dese traballo invisible en emprego formal, actividade económica e servizos de proximidade”, sinálase.

De cara a 2030, o estudo estima que reforzar o sistema requiriría para Galicia un investimento adicional equivalente a 0,6 puntos do PIB galego, é dicir, uns 491 millóns de euros anuais. Dependendo do criterio de distribución, este investimento podería traducirse nun impacto potencial de entre 21.900 e 31.700 novos empregos.

Un debate institucional, académico e transfronteirizo

Na apertura da xornada, conducida pola profesora da UVigo Ana Garriga, Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense, destacou que “é importante abrir espazos de diálogo en lugares como as universidades sobre os grandes retos sociais, e precisamente falar de coidados en Galicia é falar de territorio, benestar e futuro”. Pola súa banda, Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, sinalou que esta cidade “é máximo expoñente no tema de lonxevidade” e polo tanto destacou “a importancia de buscar solucións” no ámbito dos coidados. Neste senso, Patricia Torres, deputada provincial de Políticas Sociais, Conciliación e Envellecemento Activo, lembrou a precarización do sector dos coidados e a necesidade de contar con estudos como o presentado este xoves para mellorar a situación. Pola súa banda, Olivia Pereira, do Instituto Politécnico de Bragança, puxo o foco na dimensión transfronteiriza do proxecto e a relevancia de ofrecer evidencias científicas para a toma de decisións que efectivamente melloren os coidados.

Tras a apertura institucional, Juan Martín, director do Cenie, presentou Iberlongeva, proxecto no que se enmarca este estudo, e destacou que “o debate sobre os coidados é tamén un debate sobre o modelo de sociedade que queremos construír. Galicia mostra con claridade que a lonxevidade debe abordarse desde a investigación, a cooperación institucional e unha mirada territorial”. A continuación, Nacho Ãlvarez, codirector do estudo, expuxo as principais conclusións aplicadas a Galicia, e celebrouse o debate Galicia ante o dereito ao coidado: do diagnóstico aos compromisos, con Raquel Martínez, profesora titular de Socioloxía na Universidade da Coruña; Chema Pazos, vicepresidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, e Xaime Fandiño, membro da Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-07-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (atlantic-fest-2026.jpg) O Atlantic Fest celebra este verán a súa décima edición consolidado como unha das citas musicais imprescindibles. Do 17 ao 19 de xullo, a praia da Concha de Vilagarcía de Arousa volverá acoller un festival que combina música, paisaxe, gastronomía e identidade propia, converténdose nun dos grandes atractivos culturais e turísticos das Rías Baixas durante a tempada estival. A décima edición do Atlantic Fest presenta unha programación que combina grandes nomes internacionais, referentes do panorama estatal e unha destacada presenza de artistas galegos. Entre as actuacións internacionais sobresae a presenza de Franz Ferdinand, nunha das súas poucas actuacións deste verán e única en Galicia.
Foto de la tercera plana (fp-madeira-2.jpg) O 60,66% dos 877 ciclos de Formación Profesional de réxime ordinario para o próximo curso en Galicia complétanse na primeira adxudicación de prazas pechada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e que dá dereito a matrícula. Segundo os datos recabados, un total de 57.118 persoas presentaron solicitude para cursar algunha modalidade de Formación Profesional, o que representa un incremento de preto do 2% (1.069 solicitudes máis) con respecto ao curso 2025-26, o que confirma, un ano máis, o interese que espertan estas ensinanzas entre os cidadáns en Galicia. O maior número de solicitudes rexístranse nos ciclos superiores da modalidade ordinaria, con 15.893 solicitudes, 643 máis (un 4,22% de incremento) que o curso pasado.

Notas

Un total de 48 novas iniciativas empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos na décimo terceira edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para a Innovación e o Emprendemento Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio da Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Zona Franca, Abanca e outra serie de entidades.
A Universidade da Coruña inaugurou o curso 'Protección de datos na empresa e as organizacións: goberno corporativo, xestión do risco e cumprimento ante contornos tecnolóxicos complexos', unha formación que reúne ata mañá especialistas de referencia do ámbito xurídico, institucional e empresarial para analizar os principais desafíos da protección de datos nun contexto marcado pola transformación dixital e o avance da intelixencia artificial.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES