//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
O Servizo Galego de Saúde alcanzou, no ano 2022, a cifra de 128 doantes de órganos, o que propiciou que se realizasen 296 transplantes nos hospitais galegos. Sendo 151 de ril, dos que 21 procedían de doantes vivos; 78 de fígado; 3 de páncreas; 26 de corazón e 38 de pulmón. Ademais, dende a realización do primeiro transplante, no ano 1981, ata o remate do 2022, en Galicia lévanse realizado un total de 9.217 transplantes de órganos. As cifras de doantes de órganos cadáver en Galicia sitúase en 128 (77 na provincia da Coruña, 5 na de Lugo, 11 na de Ourense e 35 na de Pontevedra); datos que supoñen que haxa unha taxa de 47,6 de doantes por cada millón de habitantes, superando nun punto a media nacional.
O Encontro Internacional Erasmus+ congrega en Ferrol uns 300 docentes de nove países distintos para debater e explorar distintas vías formativas en ámbitos como a inclusión, a internacionalización, as novas tecnoloxías ou o plurilingüismo a través de charlas, mesas redondas e obradoiros. Preto de 300 centros participaron o pasado curso en distintas actividades de mobilidade no marco do Erasmus+ con proxectos no entorno escolar, no ámbito da educación para persoas adultas e no da Formación Profesional, onde Galicia destaca entre as tres comunidades autónomas con proxectos propios.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta vén de activar para mañá alerta laranxa por nevaradas nas zonas de montaña das provincias da Coruña e Lugo. Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A quenda de garda especializada e permanente, con 79 intervencións realizadas en 2022 , permitiu no pasado ano atender 86 vítimas e menores. Desde 2018, cando se firmou por primeira vez este acordo de colaboración, 263 mulleres e menores foron atendidos, desenvolvéndose 259 intervencións. A atención psicolóxica é un instrumento fundamental para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, para a protección e o apoio ás mulleres que a sofren, pero tamén para os seus fillos e fillas, testemuñas e vítimas da violencia familiar. A iniciativa forma parte das actuacións que Galicia desenvolve no marco do Pacto de Estado contra a violencia.
A temperatura media foi de 14,9 graos, un valor considerado como extremadamente cálido e rexistrándose, ademais, unha anomalía positiva de 1,4 graos con respecto aos valores esperados. Deste xeito, houbo meses extremadamente cálidos como maio e xullo. Neste último mes produciuse unha vaga de calor histórica superando os termómetros os 40º en moitos puntos da Comunidade. E, ademais, o día 14 de xullo vivimos un evento chamado Sistema Convectivo de Mesoescala, que xerou unha área tormentosa do tamaño de Galicia que deixou máis de 6.000 raios en 4 horas.
A mostra, que pode visitarse na sede Afundación ata 28 de xaneiro, exhibe unha escolla de 115 pezas, entre as que se atopan obras de arte, fotografías, mapas e documentos históricos, obxectos inzados de simbolismo, vídeos e instalacións interactivas, coa que se convida a explorar a identidade e legado da urbe. Percorre a evolución e construción da cidade a través dunha combinación de obxectos e materiais físicos e tecnoloxías interactivas.
As chuvias rexistradas nas últimas semanas permitiron desactivar o estado de seca prolongada en toda a demarcación hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica. Na xuntanza da Oficina Técnica da Seca celebrada hoxe, presidida pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e na que tamén participaron Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, confirmouse a melloría da situacións tras as chuvias intensas rexistradas nas últimas semanas. A consolidación dos indicadores favorables do mes de novembro, coas precipitacións de decembro, permitiron recuperar os valores de normalidade en canto a chuvia rexistrada, superando a situación de seca prolongada que se mantiña activa aínda nalgúns sistemas da demarcación.
A Xunta de Galicia recoñece o traballo de oito centros educativos galegos co Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2022, convocados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co obxectivo de impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos. Trátase, deste xeito, de promover unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornas e culturas inclusivas.
Tivo lugar a posta en marcha no Complejo Hospitalario Universitario de La Coruña dunha nova unidade de ensaios clínicos, que permitirá avaliar a efectividade de novos fármacos, unidade que representa un punto de inflexión no marco da investigación sanitaria. Destaca especialmente o servizo de Oncoloxía Médica do hospital coruñés, que conta con máis de 160 ensaios clínicos activos que amplían a información dispoñible en terapias dirixidas ou inmunoterapia en distintos tumores sólidos, ademais de achegar coñecemento sobre novos mecanismos de resistencia primaria adquirida.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.975, deles 511 son da área da Coruña, 205 da de Lugo, 234 da de Ourense, 205 da de Pontevedra, 390 da área de Vigo, 270 da de Santiago e 160 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 8 están en UCI, 250 en unidades de hospitalización e 1.717 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 684.487 persoas curadas, rexistrándose 4.008 falecementos. O número de PCR realizadas é de 4.024.653. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.520.430.
'Adestrar futuros científicos/as, que ademais de coñecer métodos e técnicas, aprecien as matemáticas polo seu papel no desenvolvemento da ciencia en xeral e da cultura'. Así define Estalmat-Galicia o horizonte que persegue este programa para a detección e o estímulo do talento precoz en matemáticas. Dirixido a estudantes nados nos anos 2008, 2009 ou 2010, Estalmat-Galicia abre o seu prazo de inscrición ata o 30 de maio.
O trío británico Muse actuará en Vigo dentro da programación do Xacobeo 21-22 o vindeiro 8 de setembro no Estadio de Balaídos para ofrecer unha das tres datas que ten reservadas en España. Na cidade tamén actuarán C. Tangana (23 de agosto no Porto de Vigo) e Rufus Wainwright (2 de xullo en Afundación). Ademais, haberá outros dous ciclos (Xacobeo Importa e Xacobeo Vigo) e dous festivais (Latitudes e Música Urbana) para conformar unha oferta que chegará ata os vinte concertos na cidade.
O 10 de maio de 1972 no pavillón do comedor do complexo do Burgo, un grupo de estudantes da USC organizou o concerto no que o cantautor portugués Zeca Afonso interpretou, por primeira vez en público, a canción Grândola, Vila Morena, emblema da revolución que puxo fin á ditadura portuguesa. Cincuenta anos despois, os acordes deste tema volverán soar na USC grazas a un acto conmemorativo o vindeiro martes 10 de maio.
A Xunta proporá o vindeiro xoves na mesa sectorial adiantar o inicio do curso ao 8 de setembro en todas as etapas. Deste xeito unifícase un calendario que ata o momento incluía diferentes datas para Infantil e Primaria das de ESO e Bacharelato e facilítase a conciliación da vida laboral e familiar. Tal e como recolle o documento enviado ás organizacións sindicais, a proposta é iniciar as clases o 8 de setembro de 2022 e rematalas o 21 de xuño de 2023.
A divulgación científica tomará de novo os bares na sétima edición de Pint of Science, que se celebrará entre os días 9 e 11 de maio. Vigo será unha das 44 cidades españolas nas que durante tres días as e os científicos achegarán de xeito sinxelo e accesible os seus coñecementos ao público, a través da iniciativa nacida en 2013 no Imperial College de Londres e que en España acada a súa sétima edición.
Científicas, directivas, enxeñeiras e investigadoras serán as protagonistas do I Seminario da Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy, que se celebrará o próximo 4 de maio na USC baixo o título 'Mulleres STEM e Transición Enerxética: acelerando o cambio cara á sustentabilidade'. Trátase da primeira actividade académica que organiza esta Cátedra institucional creada o pasado mes de decembro pola institución universitaria e Genesal Energy.
Érika Reija, xornalista luguesa da Televisión Española, que abandonou este ano a correspondencia de Moscova tras a aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico, é a gañadora da XVIII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. A candidatura de Érika Reija resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado.
O Center for World University Rankings (CWUR) mantén a USC entre as 500 mellores universidades do mundo ao situala na posición 472, logo da análise de 19.788 institucións avaliadas e clasificadas segundo o seu desempeño académico. O rendemento investigador e a empregabilidade son os dous aspectos mellor valorados da USC, na posición décimo segunda de entre as institucións españolas recollidas nesta clasificación.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román González, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, asinaron un acordo de colaboración para homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Ao abeiro deste acordo, ambas entidades desenvolverán accións conxuntas encamiñadas a promocionar e fomentar a cultura e a lingua galegas a través dos servizos públicos de Renfe Viaxeiros, así como á promoción do transporte por ferrocarril.
A UVigo lanza este curso a I Feira internacional EmpregoinCampus con presenza nos tres campus. O obxectivo é pór en contacto aos titulados e tituladas e aos estudantes dos últimos cursos con empresas colaboradoras que están buscando talento nas aulas universitarias. Serán feiras por ámbitos, nas que se combinará o formato presencial -con postos das empresas e un programa variado de actividades nas diferentes escolas e facultades- co virtual, facilitando tamén a asistencia en liña.