Noticias

O CHUAC pon en marcha unha nova unidade de ensaios clínicos que permitirá avaliar a efectividade de novos fármacos

Tivo lugar a posta en marcha no Complejo Hospitalario Universitario de La Coruña dunha nova unidade de ensaios clínicos, que permitirá avaliar a efectividade de novos fármacos, unidade que representa un punto de inflexión no marco da investigación sanitaria. Destaca especialmente o servizo de Oncoloxía Médica do hospital coruñés, que conta con máis de 160 ensaios clínicos activos que amplían a información dispoñible en terapias dirixidas ou inmunoterapia en distintos tumores sólidos, ademais de achegar coñecemento sobre novos mecanismos de resistencia primaria adquirida.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe o hospital universitario da Coruña, con motivo da posta en marcha no Chuac dunha nova unidade de ensaios clínicos, que permitirá avaliar a efectividade de novos fármacos. “Esta unidade representa un punto de inflexión no marco da investigación sanitaria”, -dixo o conselleiro-, quen, ademais, agradeceu o traballo e o esforzo de cada un dos implicados na súa posta en marcha.
 
No acto, que contou coa presenza do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, así como do xerente da área sanitaria, Luis Verde, o responsable da carteira sanitaria da Xunta agradeceu especialmente o traballo do servizo de Oncoloxía Médica do hospital coruñés, “pola súa ampla experiencia no desenvolvemento de estudos clínicos”. Ao respecto sinalou que “contan con máis de 160 ensaios clínicos activos”, que amplían a información dispoñible en terapias dirixidas ou inmunoterapia en distintos tumores sólidos, ademais de achegar coñecemento sobre novos mecanismos de resistencia primaria adquirida.
 
Tamén destacou Comesaña, a participación no desenvolvemento de proxectos desenvolvidos polo propio servizo, grupos cooperativos nacionais e internacionais e a industria farmacéutica. Un labor que, -tal e como subliñou o conselleiro-, “veuse recoñecido a nivel europeo” coa recente concesión de dous proxectos vencellados á oncoloxía, como é o de medicina personalizada, elaborado en colaboración co Programa de Investigación Clínica do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, “encamiñado a un mellor coñecemento e precisión no tratamento dos cancros específicos da muller”.
 
Contades, -remarcou Comesaña-, “con persoal altamente cualificado, capaz de ofrecer os tratamentos máis novidosos, nunhas instalacións multidisciplinares e adaptadas, que favorecen unha atención de calidade aos pacientes”. Instalacións nas que se efectuaron adecuacións que permiten dispoñer dun espazo de máis de 300 m2, que inclúe, entre outras dependencias, zona de recepción propia, sala de descanso para pacientes e familiares, hospital de día, zona de coordinación e seguimento, e laboratorio.
 
Aposta pola Investigación

Comesaña incidiu que, nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, o programa sobre investigación sanitaria experimenta unha suba do 9,4% ata os 5,7 millóns de euros, consolidando e ampliando a suba do 20% que experimentou nos primeiros presupostos desta lexislatura. Xunto ao anterior, neste ano que remata, Galicia xa completou o mapa de centros acreditados, coa incorporación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, “o que sitúa á nosa comunidade entre as de maior número de institutos de investigación sanitaria acreditados”.
 
Así mesmo, na Lei de acompañamentos aos orzamentos para 2023, incluíase a integración no sector público autonómico das tres fundacións de investigación sanitaria coas que conta Galicia.
 
Ademais, o pasado mes, o Consello da Xunta iniciou a tramitación dun estatuto para investigadores de centros públicos que mellorará a súa calidade laboral e que se prevé que estea rematado no primeiro semestre de 2023.
 
Para pechar a súa intervención, o conselleiro salientou “os esforzos que se están a facer para consolidar unha contorna de investigación que sexa atractiva” e amosouse convencido de que esta unidade axudará á realización dun maior número de ensaios.

R., 2022-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES