Notas de prensa

A UVigo lanza a I Feira internacional EmpregoinCampus con presenza nos tres campus

A UVigo lanza este curso a I Feira internacional EmpregoinCampus con presenza nos tres campus. O obxectivo é pór en contacto aos titulados e tituladas e aos estudantes dos últimos cursos con empresas colaboradoras que están buscando talento nas aulas universitarias. Serán feiras por ámbitos, nas que se combinará o formato presencial -con postos das empresas e un programa variado de actividades nas diferentes escolas e facultades- co virtual, facilitando tamén a asistencia en liña.

A primeira cita será no campus de Vigo o vindeiro mércores e xoves nas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo e estará centrada na busca de talento no ámbito xurídico-empresarial, linguas e comercio. No campus de Ourense será o 6 de outubro no pavillón universitario e, no caso de Pontevedra, o 27 dese mesmo mes na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Ademais, o de 20 de outubro celebrarase unha nova edición da feira no campus de Vigo, centrada neste caso no ámbito das ciencias e a biotecnoloxía.

Retómase a presencialidade e mantense a versión en liña

“Nesta primeira feira participan entidades de distintos sectores pero, como non podía ser doutro xeito, as que teñen máis peso son as do ámbito financeiro e legal, así como tamén da industria manufactureira”, explica a profesora Maruxa Ãlvarez, responsable da Ãrea de Emprego e Emprendento, ao que engade que o achegamento das tradicionais feiras de emprego ás escolas e facultades é, “sen dúbida”, unha aposta de valor, tendo en conta, sobre todo, que este tipo de actividades “non se restrinxen a entrevistas e entregas de currículos entre candidaturas e entidades, senón que todas as edicións van precedidas dunha xornadas de orientación laboral e estarán complementadas cun programa amplo de obradoiros e seminarios de moitísimo interese tanto para o alumnado actual como para os recén egresados”.

EmpregoinCampus recolle a testemuña da Feira Internacional de Emprego Universitario Finde.U, cuxa última edición se celebrou en outubro de 2019 reunindo no Instituto Feiral de Vigo máis de medio cento de empresas e medio milleiro de participantes, e de OneJob, a Feira Europea de Emprego para graduados/as en liña, unha aposta pola modalidade virtual derivada da situación sanitaria provocada pola covid-19. “Os obxectivos de EmpregoinCampus son similares, ofrecendo un modelo híbrido entre ambas as dúas”, recoñece Ãlvarez, quen salienta que a nova feira comparte coa Finde.U o feito de recuperar o carácter presencial e que a entrega dos currículos se fai a través dunha plataforma dixital, e con OneJob a posibilididade de visitar de xeito virtual os postos das empresas. “No caso dos estudantes que non poidan asistir aos centros nos que se desenvolve a feira poderán presentar as súas candidaturas na versión en liña da feira, a través da que poderán visitar os postos virtuais de todas as entidades participantes e gozar de todas as súas vantaxes”, recalcan desde a organización.

“Esta é unha excelente forma de achegar as empresas ao campus”

A responsable da Ãrea de Emprego e Emprendemento fai tamén fincapé en que, dadas as apertadas axendas do alumnado, non sempre lles é doado desprazarse a outras localizacións para asistir a este tipo de actividades, polo que agardan que a aposta por celebrar a feira nas propias instalacións dos campus anime ao alumnado a visitar os postos das empresas e presentar as súas candidaturas. “A maiores, estamos convencidos de que esta é tamén unha excelente forma de achegar as empresas ao campus e de facelas partícipes da vida universitaria”, considera a docente.

A celebración das feiras de emprego nas propias escolas e facultades non é unha novidade e, de feito, algúns centros contan xa cunha longa experiencia neste sentido. Un exemplo claro disto é o Foro Tecnolóxico de Emprego, organizado desde as delegacións de alumnado das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, que este ano acadou a súa vixésimo segunda edición. “Esta é unha actividade xa moi asentada e confiamos en que siga organizándose. Pola nosa banda, a idea é apoialos en todo o que poidamos”, apunta Ãlvarez, explicando así o feito de que en Vigo o ámbito tecnolóxico xa queda cuberto coa celebración deste evento. “Con EmpregoinCampus quixemos achegar o paraugas da propia institución, involucrándonos na súa organización e facendo partícipes desta accións a todos os centros”, recalca directora da área.

Actividades formativas desde o luns 25

O programa de actividades formativas, que se prolongará ata o día da clausura, arranca o vindeiro luns, ás 16.30 horas, coa charla Educación, Economía e Traballo: presente e futuro, impartida polo profesor de Ciencia Política na Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Anxo Bastos. A partir de aí celebraranse diferentes obradoiros e seminarios nos que aprender a deseñar e preparar un currículo, oratoria e técnicas de presentación... así como diferentes mesas redondas nas que egresados da propia institución contarán as súas propias experiencias profesionais.

Universidade de Vigo, 2022-04-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES