
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde da cidade, Ángel Mato, asistiu esta mañá á visita guiada A veciñanza conta Ferrol no tempo á exposición que leva o mesmo nome. Un percorrido no que oito veciños vinculados con algunha das pezas significativas da mostra, deron testemuña da historia recente de Ferrol, a través dos seus relatos particulares.
Na visita tomaron parte María Luísa e María Carmen Souto, netas de Ángela Ruíz Robles, creadora da primeira enciclopedia electrónica; Pilar Alves, filla dunha das catro mulleres que debutaron co Toxos en Froles hai un século; Fina Álvarez, traballadora da Pysbe, e Loli Fontán, única informática do estaleiro Astano. Tamén tomaron a palabra Pilar Baliño, que dende pequena viviu o mundo das augadoras; Ángeles Rodríguez, emprendedora de éxito que montou unha confeitería con fondos doados pola Fundación Amboage e Santos Vidal, testemuña das escolas obreiras, nomeadamente da escola de aprendices de Bazán.
O coordinador local da mostra, Guillermo Llorca, e a directora dos cadernos Ferrol Análisis e membro do consello asesor da exposición, Esperanza Piñeiro, tamén acompañaron o percorrido.
A exposición Ferrol no tempo, que pode visitarse na sede Afundación ata 28 de xaneiro e ata o momento recibiu a máis de 4.500 visitantes, exhibe unha escolla de 115 pezas, entre as que se atopan obras de arte, fotografías, mapas e documentos históricos, obxectos inzados de simbolismo, vídeos e instalacións interactivas, coa que se convida a explorar a identidade e legado da urbe.
Percorre a través de varias seccións (Mitos e Orixes, Tramas, Escenarios, Cidade Narrada e Voces da Cidade) a evolución e construción da cidade dende diversas perspectivas a través dunha combinación de obxectos e materiais físicos e tecnoloxías interactivas.
Ademais de visitas particulares, a mostra pode coñecerse a través de percorridos guiados dirixidos por Guillermo Llorca -os próximos terán lugar os días 11 e 25 de xaneiro ás 12.00 horas-. As inscricións poden realizarse no teléfono 981 330 280.
Ferrol no tempo é a segunda das exposicións que a Xunta de Galicia e Afundación organizan no marco do proxecto Cidades no tempo, unha proposta coa que se pretende reivindicar a dimensión urbana de Galicia a través da organización dunha mostra en cada unha das sete principais cidades galegas.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.