Noticias

Desactivado o estado de seca prolongada en toda a demarcación hidrográfica Galicia-Costa tras as chuvias das últimas semanas

As chuvias rexistradas nas últimas semanas permitiron desactivar o estado de seca prolongada en toda a demarcación hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica. Na xuntanza da Oficina Técnica da Seca celebrada hoxe, presidida pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e na que tamén participaron Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, confirmouse a melloría da situacións tras as chuvias intensas rexistradas nas últimas semanas. A consolidación dos indicadores favorables do mes de novembro, coas precipitacións de decembro, permitiron recuperar os valores de normalidade en canto a chuvia rexistrada, superando a situación de seca prolongada que se mantiña activa aínda nalgúns sistemas da demarcación.

Así, recuperan os valores de normalidade os sistemas do río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita); río Tambre; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos; río Eume e ría de Ares; e Ferrol.
 
Cómpre lembrar que desde comezos de decembro o resto da demarcación hidrográfica de Galicia Costa xa está en valores de completa normalidade en canto a precipitacións rexistradas.
 
Tamén a comezos de decembro toda a demarcación de Galicia-Costa quedaba xa en valores de normalidade en canto á situación de escaseza, que mide o nivel de risco de abastecemento en función das reserva de auga dispoñibles.
 
As precipitacións rexistradas no conxunto da comunidade no mes de decembro foron un 59% superiores aos valores medios da serie histórica, aínda que cunha menor incidencia na zona leste da comunidade, onde os valores de precipitacións rexistrados foron inferiores á media.
 
Decembro foi, polo tanto, un mes moi húmido, principalmente na provincia de Pontevedra e sur da Coruña onde moitas zonas superaron os 500 l/m² acumulados.
 
A previsión para esta semana, con situacións intermedias que achegarán humidade e algunha precipitación aínda que non se prevé moi intensa, xunto co prognóstico completo para o que resta de mes, fai augurar un xaneiro que non se afastaría moito dos valores de normalidade para esta época do ano.
 
Cos datos obtidos das estacións de aforo, a Oficina Técnica da Seca tamén confirmou que os caudais dos ríos experimentaron unha importante recuperación nas últimas semanas, situándose por riba dos valores habituais para esta época do ano.
 
No que se refire á auga embalsada, o nivel actual dos encoros de abastecemento da demarcación Galicia-Costa sitúase, a día 9 de xaneiro, no 75,57% cunha ocupación en valores similares ao do mesmo período do ano anterior, cando estaban ao 74,99%.

R., 2023-01-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES