//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
Bota a andar un ano máis o programa de dinamización lingüística FalaRedes, pensado para encher o tempo de lecer con actividades en galego entre os máis de 200 concellos e agrupacións pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Polo de agora, o FalaRedes 2024 programa preto de 150 pases de 12 actividades de ocio diferentes que inclúen música, teatro, monicreques, obradoiros e mesmo unha exposición que se desenvolverán a partir deste mes e ata pasado o verán entre distintos concellos e entidades da rede. A edición ábrese este domingo 7 de abril en Allariz co primeiro pase de Made in Galiza, o espectáculo teatral de Séchu Sende que reflexiona sobre a actitude das persoas falantes respecto da súa propia lingua.
A Xunta de Galicia convoca axudas por un importe máximo de ata 8.000 euros para contribuír a financiar obras de rehabilitación de inmobles incluídos no Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro, tal e como se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia. Os propietarios ou usufrutuarios das vivendas nas que se vaia actuar terán de prazo para presentar as súas solicitudes desde o 5 de abril, e ata o vindeiro 4 de novembro se non se esgota antes o orzamento. Cunha dotación global de 196.000 euros, a convocatoria deste ano do chamado Programa Rehaluga permitirá conceder subvencións por importes que se moverán entre un máximo de 3.000, de 5.000 ou de 8.000 euros en función do prezo do alugueiro e do concello no que estea localizada a vivenda en cuestión.
Este ano o programa Primavera Xove oferta case 600 prazas para persoas entre os 14 e 30 anos durante os meses de marzo e abril en seis instalacións xuvenís da comunidade. Trátase de que a mocidade conte con alternativas de ocio educativo e saudable e que os pais teñan máis oportunidades para conciliar durante as fins de semana ou en períodos non lectivos como a Semana Santa. Os espazos nos que se desenvolve esta iniciativa son os albergues xuvenís Mariña Española (Sada e Bergondo); Lug II (Lugo) e Area (Viveiro); así como os campamentos xuvenís de A Devesa (Ribadeo), Pontemaril (Forcarei) e As Sinas (Vilanova de Arousa).
A Consellería de Sanidade conmemora este 24 de marzo o Día Mundial da Tuberculose, cuxo lema é Sí, podemos poñer fin á tuberculose, reiterando o seu compromiso de continuar cos esforzos e actuar en consonancia coa estratexia Fin á tuberculose, da Organización Mundial da Saúde, que ten por obxectivo reducir a incidencia da tuberculose un 80% no ano 2030 con respecto ao 2015 para, posteriormente, eliminar esta enfermidade no 2050. O desenvolvemento do Programa galego de prevención e control da tuberculose da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, permite realizar o diagnóstico o máis rápido posible e poñer a todos os enfermos baixo tratamento para reducir este risco. Ao mesmo tempo, realízase o estudo a todas as persoas que estiveron en contacto cun caso de tuberculose contaxiosa e ofrécese tratamento a aqueles que están infectados.
Trátase dunha aplicación web do Instituto de Estudos do Territorio (IET) dispoñible desde hai case ano e medio e que a día de hoxe inclúe un total de 52 rutas cunha extensión de máis de 2.300 quilómetros, con percorridos cartografados e en formato descargable. Tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a reunión do Consello Reitor do IET, ao longo deste ano prevese incorporar ao visor 25 novos itinerarios polo que o obxectivo é chegar a ofrecer preto de 80 rutas ciclistas un 50% máis que as que ten na actualidade cunha extensión de case 3.000 km, o que permitirá que afeccionados ao ciclismo e turistas en xeral poidan coñecer a Comunidade dun xeito diferente.
A de 2024 será a quinta convocatoria consecutiva que se fai da Bandeira verde, un galardón que aspira a servir tamén de correa de transmisión entre o traballo das administracións locais e a implicación da veciñanza no coidado das súas contornas, incidindo en que tanto concellos como cidadáns deben estar comprometidos na preservación dos elementos naturais e paisaxísticos. No marco da primeira edición, a convocada en 2020, resultaron galardoados Porto do Son e Moaña, os únicos concellos que recibiron a bandeira verde os catro anos seguidos.
A Xunta estima que, en principio, o 18 % dos concellos galegos poderían pedir a declaración de zona tensionada en base á lei estatal de vivenda e aos índices de referencia do Goberno central, tal e como explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a súa participación no encontro informativo Declaración de zonas de mercado tensionado e os seus efectos. A responsable autonómica reiterou ante representantes dos concellos, de colexios profesionais e de distintas entidades relacionadas co sector da vivenda que a Xunta non vai declarar de oficio zonas de mercado residencial tensionado, pero tramitará as solicitudes que os concellos presenten.
O número de emigrantes galegos (persoas que naceron en Galicia e residen no exterior) volve baixar un ano máis en 2.861, continuando a tendencia dos últimos exercicios. Mentres a poboación galega total que reside no exterior segue a incrementarse debido as novas inscricións de persoas descendentes de galegos nacidas no estranxeiro, ata alcanzar os 534.972 (incremento de 7.523 persoas) a 1 de xaneiro de 2024, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Esta diferenza explícase, principalmente, polo aumento da cifra de descendentes das persoas galegas que viven no estranxeiro e que xa naceron no seu país de destino.
A primavera comeza este mércores 20 de marzo, ás 4 horas e 6 minutos e prolongarase durante case 93 dias ata as 22 horas e 51 minutos do 20 de xuño. Durante a primavera haberá ao amencer unha curiosa aliñación planetaria de Venus, Marte e Saturno; na segunda quincena de abril agregarase Mercurio e xa a finais de maio, Xúpiter substituirá a Venus, mentres a Lúa vai ir pasando por esa aliñación a comezos de cada mes, segundo explica o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo. O inicio da primavera prodúcese cando o Sol pasa polo punto Aries, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste; nestes dias, na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais.
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o reforzo con 3,6 millóns de euros da Rede galega de acollemento a vítimas de violencia de xénero que irán destinados a mellorar as dez casas de acollida ou vivendas tuteladas repartidas por toda a Comunidade, á vez que para crear un novo centro no Porriño, que estará especializado en atender aquelas vítimas con algún trastorno aditivo.
Alén dos obxectivos xerais do proxecto AF4EU, a través do que se dá continuidade ao labor desenvolvido pola rede colaborativa internacional Afinet a prol da posta en valor dos sistemas afroforestais e a promoción de prácticas innovadoras, sostibles e rendibles, este programa pretende avanzar no afianzamento e na visibilización de modelos de negocios agroforestias de éxito, a fin de favorecer o emprendemento e achegar referentes a toda a cadea, desde produtores ata consumidores.
Os Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero cumpren dez anos e nesta edición tan especial presentan unha importante novidade: a inclusión das teses de doutoramento dentro do abano de traballos de investigación que se poden presentar. Esta ampliación era un dos obxectivos recollidos no III Plan de Igualdade entre mulleres e homes da UVigo e na nova convocatoria entregaranse distinción aos mellores traballos fin de grao, fin de mestrado e teses que inclúan a perspectiva de xénero e/ou feminista.
Santiago de Compostela acolleu a celebración do V Congreso da Rede Localis, xestionada polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo. A cita reuniu a especialistas, principalmente do eido académico e da administración, para abordar os retos e desafíos dos municipios de menor poboación tendo en conta que as as entidades locais atravesan, sen dúbida, por un momento crucial ante a caída demográfica.
Promover a contemplación do solpor como unha forma de turismo única, sustentable e integradora do Espazo Atlántico é o alicerce do proxecto ATLANTIC_SUNSET, coordinado polos profesores da USC Ángel Miramontes, Jorge Mira e Rubén Lois. O consorcio integrado por oito institucións de catro países e liderado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), acaba de obter máis dun millón de euros de financiamento no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027.
A través dunha serie de vídeos breves, unha streamer, interpretada por Carlota Mosquera, informa ao alumnado de secundaria sobre o fenómeno da desinformación e os seus efectos, amósalle que tipo de contidos se engloban nesta problemática e achégalles ferramentas que lles permitan verificar a información que reciben. Estas ideas articulan a serie de oito vídeos que o grupo Sepcom, da UVigo, prepara como parte dun recurso aberto de aprendizaxe dirixido a formar a mocidade na loita contra a desinformación.
As persoas piden axuda e moven os brazos antes de afogar; é preciso agardar dúas horas para bañarse despois de comer; tras un afogamento hai que colocar á vítima boca abaixo para baleirar os seus pulmóns de auga; a urina é un bo remedio fronte á picadura dunha medusa... No referido aos incidentes que poidan darse en praias, ríos ou piscinas existen unha serie mitos e falsas crenzas, asentadas no ideario popular e que poden dar lugar a decisións ou intervencións erróneas.
Manterse activos, ampliar coñecementos, mellorar as capacidades intelectuais, atrasar o deterioro cognitivo, potenciar a vida social ... Son moitos os beneficios que ten a formación en idades sénior e mostra disto é a cantidade de estudantes de máis de 55 que cada ano se matriculan no Programa para Maiores da Universidade de Vigo. No curso que agora remata foron máis de 400 persoas e moitos deles continuarán formando parte desta iniciativa para o próximo curso.
O CITIC da UDC recibiu o 11º premio Miguel Blanco da FEGADACE polo seu compromiso cos dereitos e a inclusión social así como o exercicio dunha vida plena e autónoma por parte do colectivo con dano cerebral adquirido. No acto de entrega, que tivo lugar na Cidade da Cultura no marco da II Xuntanza do Movemento Asociativo do Dano Cerebral, estiveron por parte do CITIC, o seu director, Manuel F. González, e os investigadores Thais Pousada e Manuel Lagos.
A Xunta ten aberto o prazo para solicitar praza bonificada en residencia de estudos o vindeiro curso 2023-24 nos centros residenciais docentes da Coruña ( Concello de Culleredo), Ourense e Vigo, unha convocatoria dirixida a estudantes de ensino posobrigatorio (principalmente de Bacharelato e de Formación Profesional).