Noticias

Bota a andar a XIII edición do programa FalaRedes con preto de 150 sesións de ocio en galego

Bota a andar un ano máis o programa de dinamización lingüística FalaRedes, pensado para encher o tempo de lecer con actividades en galego entre os máis de 200 concellos e agrupacións pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Polo de agora, o FalaRedes 2024 programa preto de 150 pases de 12 actividades de ocio diferentes que inclúen música, teatro, monicreques, obradoiros e mesmo unha exposición que se desenvolverán a partir deste mes e ata pasado o verán entre distintos concellos e entidades da rede. A edición ábrese este domingo 7 de abril en Allariz co primeiro pase de Made in Galiza, o espectáculo teatral de Séchu Sende que reflexiona sobre a actitude das persoas falantes respecto da súa propia lingua.

A Xunta de Galicia bota a andar un ano máis o programa de dinamización lingüística FalaRedes, pensado para encher o tempo de lecer con actividades en galego entre os máis de 200 concellos e agrupacións pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participou na presentación da programación da XIII edición desta iniciativa impulsada polo Goberno galego.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que estivo acompañado dunha ampla representación das compañías participantes nesta edición, incidiu na importancia deste programa, “un dos máis sólidos deste departamento”, que segue medrando cada ano coa incorporación de novos concellos e agrupacións á rede, “o que fala do atractivo desta iniciativa creada co obxectivo de ampliar a oferta de ocio en galego e promover o uso e valorización positiva da lingua entre todos os rangos de idade da cidadanía”.

Polo de agora, o FalaRedes 2024 programa preto de 150 pases de 12 actividades de ocio diferentes que inclúen música, teatro, monicreques, obradoiros e mesmo unha exposición que se desenvolverán a partir deste mes e ata pasado o verán entre distintos concellos e entidades da rede.

Programación para abril e maio

A edición ábrese este domingo 7 de abril en Allariz co primeiro pase de Made in Galiza, o espectáculo teatral de Séchu Sende que reflexiona sobre a actitude das persoas falantes respecto da súa propia lingua. Despois, a obra visitará os concellos de Viveiro, Negreira, Padrón e Bueu.

Tamén arredor da lingua xira a exposición Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir, que visitará Boiro, Betanzos, Ribadeo e Cambados entre abril e maio. Composta por nove paneis, a mostra recolle diversas peculiaridades do galego co fin de mostrar o seu valor e a súa riqueza.

Ademais, co gallo das Letras Galegas, o FalaRedes programa dúas accións arredor da figura de Luísa Villalta, autora homenaxeada este 2024: o espectáculo multidisciplinar Indóciles, que mestura poesía, música e narración oral da man de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut, e o teatro de monicreques Isaura e Tristán. Contahistorias, de Fantoches Baj, unha enxeñosa peza teatral para público familiar creada a partir do derradeiro libro de Villalta, As chaves do tempo.

Actividades programadas para o verán

A partir do mes de maio, o Falaredes ampliará a axenda con máis actividades culturais dirixidas á mocidade, como o espectáculo multidisciplinar Ópera Break´s que, coincidindo co ano en que o breakdance chega aos Xogos Olímpicos, mestura obradoiros e representacións musicais; a peza teatral Wombo Combo, de Galeatro, que reflexiona sobre as vidas virtuais e a soidade na adolescencia, ou os obradoiros de banda deseñada, que achegarán a rapazada aos elementos da linguaxe narrativa visual do cómic da man de profesionais como Inés Vázquez, Alberto Guitián ou Manel Cráneo.

A música tamén será protagonista desta programación con espectáculos como Cantigaéverso, de Castro e Welincki, que repasa os clásicos da poesía galega musicada; o espectáculo infantil Picadiscos Mari Faltri, no que María Faltri brinda á cativada unha escolla da mellor música infantil en galego; as sesións de DJ en Galicia en Galego, que achega os principais expoñentes da música galega nos seus máis diversos estilos da man de artistas como Carlos Crespo ou Kris K Dj, e o concerto Alalás e cantigas do camiño de Santiago, que reúne no escenario á cantante Uxía con Sergio Tannus e Germán Díaz.

Tampouco poderá faltar a familia máis famosa da literatura infantil galega, Os Bolechas, que visitarán medio centenar de concellos galegos cos seus espectáculos e pasarrúas arredor do deporte e a cultura.

A información completa, así como as datas e lugares de cada actividade, poderán consultarse na Axenda de Cultura e no Portal da Lingua Galega, onde se irán actualizando conforme se pechen as actuacións.

R., 2024-04-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaje.jpg) O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
Foto de la tercera plana (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela. O comportamento do mes pasado estivo marcado no conxunto da Comunidade polas altas temperaturas, moi por riba do habitual nesta época do ano, e por varios episodios de calor que se sucederon ao longo das catro semanas. A explicación estivo fundamentalmente no predominio das xornadas anticiclónicas.

Notas

A Coruña converterase do 21 ao 23 de outubro nun punto de encontro de referencia para o debate sobre a transformación dixital da Xustiza coa celebración da quinta edición do DATAfórum Justicia 2026. O encontro reunirá máis de 180 especialistas e máis dun milleiro de asistentes para analizar o impacto das novas tecnoloxías, dos datos e da intelixencia artificial no presente e no futuro do sistema xudicial.
Na vangarda do desenvolvemento tecnolóxico, o avances no sector aeronáutico e aeroespacial teñen impacto en moi diferentes sectores, desde o uso de drons para optimizar a agricultura ata a monitorización de incendios. Co obxectivo de afondar en como a innovación aeroespacial está a redefinir a xestión ambiental e agraria e a resposta aos grandes retos ecolóxicos actuais, o campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do VI Congreso Internacional do Campus Auga.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES