Noticias

O Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro de Supercomputación e o Instituto de Física de Altas Enerxías afondan no vínculo entre arte e ciencia

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades.

Concibida polo artista Diego Vites en colaboración co colectivo Nova Escultura Galega (coa participacion de Jorge Varela, Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Diego Vites) e Violeta, Salto cuántico é unha escultura interactiva que consta de tres módulos móbiles e intercambiables. A obra, que permanecerá exposta no CGAC ata febreiro de 2025, adopta a estrutura das primeiras computadoras dos anos corenta, tótems contemporáneos sobre rodas que permiten unha actualización constante, e funciona como unha escultura aberta no espazo cuántico.

Participan na presentación o director do CGAC, Santiago Olmo; o do CESGA, Lois Orosa Nogueira, o do IGFAE, Carlos Salgado e Javier Mas, coordinador TalentQ de Quantum Spain.

A xornada complétase co relatorio Computación cuántica: que é?, para que serve?, onde estamos?, a cargo de Eduardo Sáenz de Cabezón, presentador do programa Órbita Laika de La 2, ademais de conducir varios podcast e unha canle de YouTube de divulgación científica. Nado en Logroño en 1972, é licenciado en Teoloxía e doutor en Matemáticas e profesor titular do Departamento de Matemáticas e Computación na Universidade da Rioxa.

Coñecido pola súa faceta de divulgador científico, é autor dos libros Inteligencia matemática (Plataforma Editorial, 2016), El árbol de Emmy (Plataforma Editorial, 2019), Apocalipsis matemático (Penguin Random House, 2020) e Invitación al aprendizaje (Penguin Random House, 2023).

Entre outros recoñecementos, foi o gañador do concurso de monólogos científicos FameLab en 2013 e representou a España na final internacional no Cheltenham Science Festival (Reino Unido). En 2019 recibiu o Premio Especial do xurado á Divulgación Científica Ciencia en Acción.

Día Mundial da Cuántica

A celebración do Día Mundial da Cuántica ten como obxectivo promover a comprensión mundial da ciencia e a tecnoloxía cuánticas en todo o mundo. A data elixida é unha referencia ao número 4,14, os primeiros díxitos arredondados da constante de Planck: 4,135667696×10−15 eV.s = 0,000 000 000 000 004 135667696 electrovoltios por segundo, un produto de enerxía e tempo que é a constante fundamental que goberna a física cuántica.

R., 2024-04-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES