Actualidad de Sociedad

Noticias sociedad

Galicia rexistrou 47.099 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior, o que o converte no segundo ano con máis descargas eléctricas da serie ao estar só por detrás dos 47.937 detectados en 2017. Máis polo miúdo, houbo 77 días de treboada, destacando o mes de xuño con 15 días; maio, con 13, e setembro, con 12. Así, o mes de xuño destaca con 16.640 raios, o 35% do total do ano, mentres que, en setembro e maio, se rexistraron 13.675 e 13.583, respectivamente. O día con maior número de raios detectados foi o 9 de setembro, con 10.204 descargas. Nesa xornada, Galicia atopábase baixo a influencia dunha extensa zona de baixas presións relativas en superficie acompañada por unha depresión en altura ao noroeste da Península.
Bota a andar un ano máis o programa de dinamización lingüística FalaRedes, pensado para encher o tempo de lecer con actividades en galego entre os máis de 200 concellos e agrupacións pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Polo de agora, o FalaRedes 2024 programa preto de 150 pases de 12 actividades de ocio diferentes que inclúen música, teatro, monicreques, obradoiros e mesmo unha exposición que se desenvolverán a partir deste mes e ata pasado o verán entre distintos concellos e entidades da rede. A edición ábrese este domingo 7 de abril en Allariz co primeiro pase de Made in Galiza, o espectáculo teatral de Séchu Sende que reflexiona sobre a actitude das persoas falantes respecto da súa propia lingua.
A Xunta de Galicia convoca axudas por un importe máximo de ata 8.000 euros para contribuír a financiar obras de rehabilitación de inmobles incluídos no Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro, tal e como se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia. Os propietarios ou usufrutuarios das vivendas nas que se vaia actuar terán de prazo para presentar as súas solicitudes desde o 5 de abril, e ata o vindeiro 4 de novembro —se non se esgota antes o orzamento—. Cunha dotación global de 196.000 euros, a convocatoria deste ano do chamado Programa Rehaluga permitirá conceder subvencións por importes que se moverán entre un máximo de 3.000, de 5.000 ou de 8.000 euros en función do prezo do alugueiro e do concello no que estea localizada a vivenda en cuestión.
Este ano o programa Primavera Xove oferta case 600 prazas para persoas entre os 14 e 30 anos durante os meses de marzo e abril en seis instalacións xuvenís da comunidade. Trátase de que a mocidade conte con alternativas de ocio educativo e saudable e que os pais teñan máis oportunidades para conciliar durante as fins de semana ou en períodos non lectivos como a Semana Santa. Os espazos nos que se desenvolve esta iniciativa son os albergues xuvenís Mariña Española (Sada e Bergondo); Lug II (Lugo) e Area (Viveiro); así como os campamentos xuvenís de A Devesa (Ribadeo), Pontemaril (Forcarei) e As Sinas (Vilanova de Arousa).
A Consellería de Sanidade conmemora este 24 de marzo o Día Mundial da Tuberculose, cuxo lema é “Sí, podemos poñer fin á tuberculose”, reiterando o seu compromiso de continuar cos esforzos e actuar en consonancia coa estratexia “Fin á tuberculose”, da Organización Mundial da Saúde, que ten por obxectivo reducir a incidencia da tuberculose un 80% no ano 2030 con respecto ao 2015 para, posteriormente, eliminar esta enfermidade no 2050. O desenvolvemento do Programa galego de prevención e control da tuberculose da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, permite realizar o diagnóstico o máis rápido posible e poñer a todos os enfermos baixo tratamento para reducir este risco. Ao mesmo tempo, realízase o estudo a todas as persoas que estiveron en contacto cun caso de tuberculose contaxiosa e ofrécese tratamento a aqueles que están infectados.
Trátase dunha aplicación web do Instituto de Estudos do Territorio (IET) dispoñible desde hai case ano e medio e que a día de hoxe inclúe un total de 52 rutas cunha extensión de máis de 2.300 quilómetros, con percorridos cartografados e en formato descargable. Tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a reunión do Consello Reitor do IET, ao longo deste ano prevese incorporar ao visor 25 novos itinerarios polo que o obxectivo é chegar a ofrecer preto de 80 rutas ciclistas —un 50% máis que as que ten na actualidade— cunha extensión de case 3.000 km, o que permitirá que afeccionados ao ciclismo e turistas en xeral poidan coñecer a Comunidade dun xeito diferente.
A de 2024 será a quinta convocatoria consecutiva que se fai da Bandeira verde, un galardón que aspira a servir tamén de correa de transmisión entre o traballo das administracións locais e a implicación da veciñanza no coidado das súas contornas, incidindo en que tanto concellos como cidadáns deben estar comprometidos na preservación dos elementos naturais e paisaxísticos. No marco da primeira edición, a convocada en 2020, resultaron galardoados Porto do Son e Moaña, os únicos concellos que recibiron a bandeira verde os catro anos seguidos.
A Xunta estima que, en principio, o 18 % dos concellos galegos poderían pedir a declaración de zona tensionada en base á lei estatal de vivenda e aos índices de referencia do Goberno central, tal e como explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a súa participación no encontro informativo Declaración de zonas de mercado tensionado e os seus efectos. A responsable autonómica reiterou ante representantes dos concellos, de colexios profesionais e de distintas entidades relacionadas co sector da vivenda que a Xunta non vai declarar de oficio zonas de mercado residencial tensionado, pero tramitará as solicitudes que os concellos presenten.
O número de emigrantes galegos (persoas que naceron en Galicia e residen no exterior) volve baixar un ano máis en 2.861, continuando a tendencia dos últimos exercicios. Mentres a poboación galega total que reside no exterior segue a incrementarse debido as novas inscricións de persoas descendentes de galegos nacidas no estranxeiro, ata alcanzar os 534.972 (incremento de 7.523 persoas) a 1 de xaneiro de 2024, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Esta diferenza explícase, principalmente, polo aumento da cifra de descendentes das persoas galegas que viven no estranxeiro e que xa naceron no seu país de destino.
A primavera comeza este mércores 20 de marzo, ás 4 horas e 6 minutos e prolongarase durante case 93 dias ata as 22 horas e 51 minutos do 20 de xuño. Durante a primavera haberá ao amencer unha curiosa aliñación planetaria de Venus, Marte e Saturno; na segunda quincena de abril agregarase Mercurio e xa a finais de maio, Xúpiter substituirá a Venus, mentres a Lúa vai ir pasando por esa aliñación a comezos de cada mes, segundo explica o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo. O inicio da primavera prodúcese cando o Sol pasa polo punto Aries, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste; nestes dias, na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais.
| 19,9  de  387 | Siguiente »

Notas sociedad

O recinto de Expourense foi testemuña o pasado sábado dun espectáculo sen precedentes con OUR FEST, a segunda edición deste festival interxeracional de pop rock alternativo que continúa deixando pegada na cidade de Ourense. A diversidade de propostas musicais, encabezada por Suede, Shame, Kula Shaker, Baxter Dury, Grande Amore e Melenas, creou unha paleta sonora que fixo que máis de 4.000 persoas congregásense para mergullarse nun bulebule de sons alternativos.
Bisavós e bisavoas, tataravós e tataravoas, familiares prehistóricos… os antepasados dos Bolechas regresan nesta nova aventura plasmados no lenzo. A nova obra de teatro “Os Bolechas en Familia visitan unha galería de arte” chega aos teatros de toda Galicia. Neste teatro de monicreques, os irmáns visitan unha galería na que coñecen a un pintoresco personaxe que realiza unha poxa de cadros, entre os que destacan algúns de artistas moi coñecidos: Castelao, Lugrís, Piccasso e algún petróglifo.
O proxecto eTwinning, promovido pola Comisión Europea co obxecto de fomentar a colaboración entre centros educativos a través do uso das TIC e a promoción de metodoloxías activas e inclusivas, antóllase como unha ferramenta axeitada para potenciar a investigación e a innovación educativa, segundo subliñou Eduardo José Fuentes Abeledo na apertura das xornadas internacionais Forinnova Lite.
Un equipo internacional multidisciplinar liderado por Eduardo Méndez Quintas (Universidade de Vigo) e Margherita Mussi (Universidade La Sapienza de Roma) acaba de presentar os restos máis antigos coñecidos ata o momento da especie Homo erectus: o fragmento mandibular dun individuo infantil, ao que denominan Garba. Os restos foron atopados anos atrás no xacemento de Melka Kunture (Etiopía) pero non foi ata o de agora que se identificaron como da especie Homo erectus.
A Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Empregabilidade da Universidade da Coruña organiza unha nova edición do Foro Avanza, para favorecer a empregabilidade das persoas tituladas da UDC. O Foro ten dúas partes, a primeira, máis formativa, terá lugar na Facultade de Economía e Empresa os días 24 e 25 de outubro. Desenvolveranse charlas e obradoiros relacionados coa empregabilidade.
“Mulleres de Seu” é unha asociación impulsada en 2013 pola cooperativa agrogandeira CLUN para fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres no rural. É un grupo interxeracional de mulleres gandeiras, integrado por socias de CLUN que viven e traballan en zonas rurais dos concellos de Ames, Ribadeo e Melide.
A conmemoración na USC do Día da Galeguidade Empresarial serviu de marco para que as tres universidades públicas galegas subscribisen un pronunciamento sobre “a necesaria incorporación da lingua galega ao mundo empresarial”. O chamamento realizouse nun acto institucional que se desenvolveu este martes 10 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
O documental 'Doxandeem, cazadores de sueños', producido por Goree Island, vén de estrearse mundialmente no Festival Panafricano de cine de Ouagadougou (FESPACO), en Burkina Faso, e pasar por pantallas de Senegal, Francia e Alemaña. Agora, este vindeiro sábado 14 de outubro recalará en Ferrol, no Centro Cultural Torrente Ballester, ás 20 horas da tarde, co afán de reflexionar sobre a migración e a súa complexidade.
Durante os días que terá lugar o evento preténdese traballar os retos da interseccionalidade social, tecnolóxica e persoal na formación, a orientación e o emprego, así como de reflexionar sobre a necesidade de innovar e prever liñas de investigación ante os posibles riscos do seu impacto na empregabilidade das persoas nun contexto no que a Intelixencia Artificial comeza a emerxer como unha realidade que afectará ao autodesenvolvemento ao longo da vida.
A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves e venres a celebración do I Congreso Internacional de Dereito e Literatura, organizado pola Asociación Española de Derecho y Literatura (Aedel), o grupo de innovación educativa Innova Dereito e o grupo de investigación AGAF, liderados polo catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo Pablo Bonorino.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES