
A sesión serviu para render tributo á figura de Ramón Castromil Ventureira a través da intervención da súa filla Carmen Castromil co gallo do trinta aniversario da galeguización da empresa Castromil.
O galego é unha forma de estar e de coñecer o mundo, afirmou Antonio López. Para o reitor da USC, ao compromiso institucional a prol do idioma débese engadir a responsabilidade individual, así como a do eido empresarial. A unión de USC, UVigo e UDC a prol do idioma ten na filosofía da Responsabilidade Social Corportativa e no ordenamento xurídico os esteos sobre os que asentar unha nova práctica de convivencia coa cultura do país, afirma o documento ao que o reitor compostelá deu lectura en representación das tres institucións universitarias.
Esta convivencia debe exercitarse coa observancia dos dereitos lingüísticos dos traballadores/as e usuarios/as, ao tempo que dignifica a nosa identidade. A lingua galega é un medio para acadar a cohesión social e acrecentar a autoestima da cidadanía, engade o chamamento. Por ese motivo, as tres universidades apelan ás empresas radicadas no noso territorio a iniciar un proceso de incorporación progresiva da lingua galega nas súas actividades nas relacións laborais, na publicidade, etiquetaxe e demais manifestación da actividade empresarial.
Tal e como contempla o documento subscrito polas tres institucións, no ámbito socioeconómico a cultura da cooficialidade lingüística segue amosando grandes espazos de indiferenza, malia os avances acadados nos últimos anos en sectores da alimentación nos que a etiquetaxe en lingua galega está cada vez máis presente. Unha anomalía que debemos corrixir para fortalecernos como comunidade con sinais de identidade propios.
Xunto ao reitor da USC, participaron no acto Carlos Aymerich, secretario xeral da UDC; Iván Area, en representación da UVigo; Goretti Sanmartín, alcaldesa Concello de Santiago; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; e Xosé González Martínez, presidente do Foro Peinador.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.