Con este evento arrancou a actividade de Aedel, unha asociación creada tamén no campus de Ourense o pasado ano no marco dos encontros anuais sobre este tema organizados polos citados grupos da UVigo. A entidade ten como obxectivo vertebrar a colaboración de profesorado de distintas áreas de coñecemento (vinculadas co dereito e a literatura e sumando a arte en xeral), de modo que se facilite a investigación nesta materia e desde estas perspectivas, contando xa con máis de cen socios de diversas disciplinas xurídicas pertencentes a universidades estatais.
Debate enriquecedor
O congreso tivo como obxectivo, en liña co obxectivo de Aedel, ser un foro internacional onde se poñan de manifesto as vinculacións entre o dereito e a literatura en todas as súas dimensións e temáticas e un punto de encontro entre xuristas e investigadores de diferentes disciplinas e ámbitos profesionais. Sobre o desenvolvemento deste evento e da propia asociación, Pablo Bonorino subliña o enriquecemento que supón non só abordar a relación entre dous ámbitos diversos como a literatura e o dereito senón tamén a participación de diferentes disciplinas do dereito, desde o dereito penal ata o administrativo, que, sinalou, en realidade non se soen xuntar a discutir. Neste caso, apuntou, a literatura únenos pero, afirmou, hai marcadas diferencias fan enriquecedor o debate.
No congreso, aberto á comunidade universitaria, participaron con relatorios Lucía Aseff (Universidad de Rosario, Arxentina), José Antonio López Nevot (Universidad de Granada), Francisco Pérez de los Cobos (Universidad Complutense de Madrid, ex presidente do Tribunal Constitucional), Encarna Roca Trías (Universidad de Barcelona, ex vicepresidenta do Tribunal Constitucional), Alfonso García Figueroa (catedrático de Filosofía do Dereito da Universidad de Castilla-La Mancha), Antonio Bueno Armijo (Universidad de Córdoba) e José María Pérez Collados (catedrático de Historia do Dereito da Universidad de Girona), entre outros. Nas súas intervencións abordaron temáticas como a vocación xurídica de Franz Kafka, os pactos en El Anillo del Nibelungo, a obra literaria do Inca Garcilaso como fonte de información xurídica e as relacións entre a literatura distópica e o dereito. A cita tamén contou no seu programa coa presentación de comunicacións realizadas por persoal investigador de diversas universidades.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.