Notas de prensa

Os Bolechas visitan unha galería de arte na súa nova xira de teatro

Bisavós e bisavoas, tataravós e tataravoas, familiares prehistóricos… os antepasados dos Bolechas regresan nesta nova aventura plasmados no lenzo. A nova obra de teatro “Os Bolechas en Familia visitan unha galería de arte” chega aos teatros de toda Galicia. Neste teatro de monicreques, os irmáns visitan unha galería na que coñecen a un pintoresco personaxe que realiza unha poxa de cadros, entre os que destacan algúns de artistas moi coñecidos: Castelao, Lugrís, Piccasso e algún petróglifo.

Os Bolechas non acaban de entender os seus cadros abstractos e surrealistas e prefiren pintar outro tipo de arte, con cadros máis figurativos e realistas. Despois de darlle moitas voltas, e coa axuda do público, deciden debuxar os seus antepasados e invitan aos cativos a recrear outras obras.

Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Dende a Secretaría, remarcan a importancia desta iniciativa xa que “Os Bolechas son un referente positivo para os cativos na promoción e o uso da lingua e cultura galegas, así como unha forma de dinamizar o ocio en galego”, sinalan.

A xira está orientada a un público cativo de entre 5 a 12 anos, mais tamén é unha opción para pasalo ben en familia. Deste xeito, a obra pretende fomentar o interese pola arte e polo coñecemento da familia e os nosos antepasados, sen perder a diversión dos nenos. Os Bolechas son referentes na promoción e uso do idioma galego, polo que é unha perfecta alternativa de ocio en galego, que tamén motiva o coñecemento dos nenos e nenas, ao mesmo tempo que se reforza a arte como un elemento potenciador do noso patrimonio e de lembranza e horna dos nosos antepasados.

Datas da xira

Cun total de 21 actuacións, o concello de Ames foi a primeira actuación da familia, e a el seguen os de Guitiriz, Celanova, Rianxo, Pontedeume, Porto do Son, Ribadeo, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Vilariño de Conso, A Cañiza, Carballedo, Bueu, Monterrei, A Rúa, Cospeito, Narón, Muros e Ribadavia.

Calendario

7 de outubro. Ames. Casa da Cultura do Milladoiro. 18 H.
21 de outubro. Guitiriz. Casa Habanera. 18 H.
22 de Outubro. Celanova. Auditorio Municipal. 17 H.
28 de Outubro. Rianxo. Auditorio Municipal. 12.30 H.
28 de Outubro. Pontedeume. Casa da Cultura. 18 H.
29 de Outubro. Porto do Son. Casa da Cultura. 17 H.
31 de Outubro. Ribadeo. Auditorio Municipal Hernán Naval. 17.30 H.
4 de Novembro. A Pobra do Caramiñal. Teatro Cine Elma. 17 H.
5 de Novembro. Abegondo. Centro Cultural O Salón. 18 H.
11 de Novembro. Vilariño de Conso. CEIP San Martiño. 17 H.
12 de Novembro. A Cañiza. Auditorio da Casa da Cultura. 12:30 H.
12 de Novembro. Carballedo. Salón de Actos do Concello. 18 H.
18 de Novembro. Bueu. Centro Social do Mar. 17:30 H.
19 de Novembro. Monterrei. Casa da Cultura de Albarellos. 12 H.
19 de Novembro. A Rúa. Centro Cultural Avenida. 17 H.
25 de Novembro. Cospeito. Casa da Cultura. 12.30 H
25 de Novembro. Ribadavia. Casa da Cultura. 18 H.
2 de Decembro. Narón. Centro Manuela Pérez Sequeiros. 18 H.
3 De Decembro. Muros. Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil. 17.30 H.

Os Bolechas para aprender e divertirse

Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 700 títulos publicados e máis de 2.000.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.

Este seguimento masivo e continuo durante máis de 22 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.

Os Bolechas, 2023-10-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES