Noticias

O visor 'A paisaxe de Galicia desde a bicicleta' amplía o seu arquivo ata chegar a case 80 rutas e preto de 3.000 km

Trátase dunha aplicación web do Instituto de Estudos do Territorio (IET) dispoñible desde hai case ano e medio e que a día de hoxe inclúe un total de 52 rutas cunha extensión de máis de 2.300 quilómetros, con percorridos cartografados e en formato descargable. Tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a reunión do Consello Reitor do IET, ao longo deste ano prevese incorporar ao visor 25 novos itinerarios polo que o obxectivo é chegar a ofrecer preto de 80 rutas ciclistas —un 50% máis que as que ten na actualidade— cunha extensión de case 3.000 km, o que permitirá que afeccionados ao ciclismo e turistas en xeral poidan coñecer a Comunidade dun xeito diferente.

Tras incidir no “éxito” desta ferramenta dixital e recordar que a semana pasada foi presentada no marco do congreso 36º Congreso da Unión Europea de Ciclismo, que se celebrou en Santiago, a vicepresidenta segunda en funcións animou a todas as persoas interesadas no ciclismo a explorar o visor do IET e acceder a información de interese sobre algúns dos recunchos máis interesantes para explorar desde a bicicleta.

Entre os principais fitos do Instituto para este ano, Vázquez Mejuto salientou tamén os dous proxectos europeos relacionados co eido das infraestruturas verdes nos que colabora Galicia e que en 2024 recibirán un pulo importante.

Son, en concreto, o Green Infraestrutura for Forest and Trees (GIFT), liderado polo IET en colaboración con nove socios de oito países europeos e no marco do cal está programada unha acción piloto na Área de Especial Interese Paisaxístico (AIEP) do Monte Xalo; e o Green GAP con Portugal, que permitirá poñer en marcha as accións contidas no plan transfrointeirizo de mellora da paisaxe no esteiro do río Miño.

Para continuar cos traballos impulsados desde o ano 2016 polo IET no marco da colección Paisaxe Galega, a responsable autonómica indicou que nos vindeiros meses se presentarán tres novas guías de boas prácticas: a de integración das terrazas no espazo público, que se está a consensuar co sector; a guía para a execución de áreas de lecer; e un novidoso manual metodolóxico para a análise da ordenación do territorio baixo os efectos do cambio climático.

Así mesmo, avanzou que en 2024 comezarase a traballar nunha nova guía e, tal e como se anunciou este mesmo mes, renovarase coa colaboración da Fundación Juana de Vega o Catálogo das Paisaxes para proceder á súa actualización no contexto territorial, social, económico e cultural.

Aposta polo fermosismo

A vicepresidenta segunda en funcións aproveitou a súa intervención para referirse tamén á convocatoria deste ano das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, a cuarta desde que o IET decidiu apostar por estes incentivos para animar a concellos e cidadáns a apostar pola cultura do fermosismo.

Ao respecto, explicou que unha vez pechado o prazo para a presentación de solicitudes e tendo en conta o orzamento dispoñible —2 millóns de euros en total para ambas liñas— a previsión é volver a esgotar o crédito e conceder 50 axudas a entidades locais para mellorar a imaxe de edificios municipais e elementos etnográficos como fontes, lavadoiros ou cruceiros e outras 355 dirixidas a apoiar a propietarios particulares na reforma e acondicionamento exterior dos seus inmobles.

Por último, Ángeles Vázquez lembrou que esta mesma semana se publicou a quinta convocatoria do distintivo Bandeira Verde, co que a Xunta recoñece o labor dos concellos máis comprometidos co coidado da paisaxe e a protección medioambiental e ao que se poderán presentar candidaturas ata o vindeiro 30 de maio.

R., 2024-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES