Noticias

O cuarto inverno máis chuvioso deste século deixa paso este mércores 20 á primavera, que durará 93 días

A primavera comeza este mércores 20 de marzo, ás 4 horas e 6 minutos e prolongarase durante case 93 dias ata as 22 horas e 51 minutos do 20 de xuño. Durante a primavera haberá ao amencer unha curiosa aliñación planetaria de Venus, Marte e Saturno; na segunda quincena de abril agregarase Mercurio e xa a finais de maio, Xúpiter substituirá a Venus, mentres a Lúa vai ir pasando por esa aliñación a comezos de cada mes, segundo explica o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo. O inicio da primavera prodúcese cando o Sol pasa polo punto Aries, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste; nestes dias, na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais.

O Sol sae exactamente polo leste e o solpor prodúcese exactamente ao oeste. Porén, debido á luz crepuscular, antes da saída do Sol e logo do solpor, a claridade supera á escuridade. Relacionada coa época na que cadra a Semana Santa está a lúa, xa que logo o domingo de Pascua (este ano 31 de marzo) é o domingo seguinte a primeira lúa chea da primavera (este ano 25 de marzo).

Típicas desta estación son as choivas de estrelas Líridas e eta-Acuáridas as cales teñen os seus máximos os días 22 de abril e 5 de maio respectivamente. Así mesmo, o día 8 de abril terá lugar unha eclipse solar total visible no océano Pacífico, Estados Unidos, e no océano Atlántico. En Galicia vai coincidir o solpor co comezo da eclipse polo que se verá só durante uns minutos como parcial e tanto mellor canto máis preto da costa atlántica.

Este mes de marzo tamén é posible observar con prismáticos o cometa 12P/Pons- Brooks logo do solpor na constelación de Pisces entre as 20.30 e 21.15 horas aproximadamente.

Polo que atinxe á información meteorolóxica, remata un inverno moi chuvioso aínda que mesturado cuns días de temperaturas agradables en Compostela, de feito foi o cuarto inverno con máis precipitación do que vai de século con 712,5 litros/m2. Se temos en conta que así mesmo vimos dun outono con moitísima auga, resulta que nos seis últimos meses a estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller mediu 1.704 litros/m2, só superados polo mesmo intervalo de tempo dos anos 2000-01 ( 2.893 l/m2), 2013-14 (2.015 l/m2), 2002-03 (1940 l/m2), e 2009-10 (1.764 l/m2). Na estación que agora remata, houbo 58 días de chuvia, destacando a xornada do 8 de febreiro con 93,3 litros/m2.

A temperatura máxima tivo lugar o 14 de febreiro con 21º9, superándose os vinte graos noutras cinco ocasións. Pola contra a temperatura mínima absoluta rexistrouse o 20 de xaneiro con 1º3 baixo cero.

R., 2024-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES