
A docente da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, Cristina Pérez Crego, forma parte da comisión organizadora do 23 Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo, xunto coa doutoranda da UDC Serxia Lage Arias.
Pérez Crego é docente do departamento de Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico da Facultade de Ciencias da Educación, e Serxia Lage Arias é estudante de doutoramento no Programa Oficial de Doutorado en Equidade e Innovación en Educación.
O congreso no que participan terá lugar nas localidades de Ourense e Celanova entre os días 23 e 25 de novembro e está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Delegación Rexional Norte do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, e conta co apoio da Xunta de Galicia, os Concellos de Ourense e Celanova, a Deputación Provincial de Ourense, as universidades públicas de Coruña, Vigo e Norte de Portugal, entre outras entidades.
Durante os días que terá lugar o evento preténdese traballar os retos da interseccionalidade social, tecnolóxica e persoal na formación, a orientación e o emprego, así como de reflexionar sobre a necesidade de innovar e prever liñas de investigación ante os posibles riscos do seu impacto na empregabilidade das persoas nun contexto no que a Intelixencia Artificial comeza a emerxer como unha realidade que afectará ao autodesenvolvemento ao longo da vida.
O prazo para a recepción de propostas estará aberto ata o 20 de outubro, e para a inscrición ao congreso, ata o día 17 de novembro. As prazas son reducidas: conta con 100 para a modalidade en liña e 150 na modalidade presencial. Ademais, a mellor comunicación en galego, castelán ou portugués seleccionada polo Comité Científico-Técnico, poderá converterse en capítulo dun libro monográfico sobre algunha temática do congreso que se editará unha vez finalizado.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.