Notas de prensa

“Mulleres de Seu” celebra 10 anos traballando polo empoderamento feminino no rural galego

“Mulleres de Seu” é unha asociación impulsada en 2013 pola cooperativa agrogandeira CLUN para fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres no rural. É un grupo interxeracional de mulleres gandeiras, integrado por socias de CLUN que viven e traballan en zonas rurais dos concellos de Ames, Ribadeo e Melide.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Rural (15 de outubro), poñen en marcha unha serie de actividades para conmemorar o seu 10º aniversario. “Os nosos grandes obxectivos son empoderar e motivar ás mulleres rurais para fomentar o seu liderado, traballar pola visibilidade e o recoñecemento do papel das mulleres no ámbito rural. Buscamos a igualdade de oportunidades real e efectiva entre homes e mulleres. E tratamos de contribuír á transformación do rural como motor de emprendemento e innovación, como un medio sostible e como un lugar onde vivir e traballar” -manifesta Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa CLUN e presidenta de “Mulleres de Seu”-.

Rodríguez sinala que, para conseguir os seus obxectivos “formamos profesionalmente ás mulleres como empresarias e gandeiras, tratamos de sensibilizar á sociedade para mudar estereotipos de xénero e avanzar no camiño da igualdade e a responsabilidade social, impulsamos a presenza feminina na vida cooperativa e nos cargos de responsabilidade e representación, ao tempo que atendemos o aspecto emocional das mulleres como unha vía relevante para axudalas a cumprir as súas aspiracións”.

Un plan de formación para mellorar o desenvolvemento persoal das mulleres

“Mulleres de Seu” celebra o seu 10º aniversario poñendo en marcha un novo plan de formación para o período 2023-2024 baixo o lema “Para Nós”, unha serie de talleres persoais e de autocoidado cos que se pretende mellorar o benestar físico e emocional das mulleres, reforzar o seu traballo diario de empoderamento e potenciar o seu recoñecemento profesional como mulleres rurais. Nesta liña, abordaranse aspectos como a nutrición, a beleza, o mindfulness… “Nacemos para visibilizar a presenza e a profesionalidade das mulleres na gandería, dando importantes pasos ao longo destes anos, e agora traballamos polo noso empoderamento a través do desenvolvemento persoal” -indica a presidenta de “Mulleres de Seu”-.

Con motivo do 10º aniversario, a través das redes sociais de CLUN (Instagram, Facebook e TikTok) vanse difundir historias das mulleres da asociación, unha nova sección titulada “Mulleres gandeiras de CLUN” que formará parte das redes da cooperativa con novas entrevistas cada mes. Ademais, durante uns días, a nova canle de TikTok da cooperativa estará en mans de Lucía Casal, unha moza influencer gandeira, socia de CLUN e membro de “Mulleres de Seu”, tiktoker con preto de 15.000 seguidores que recibiu este ano o Premio Nacional de Juventud na categoría de Medio Ambiente -un galardón que concede o Instituto de la Juventud en España (Injuve), dependente do Ministerio de Asuntos Sociales y Agenda 2030-. Desde a súa granxa familiar de vacas, situada nunha aldea de Melide, amosa cada día como é o seu oficio, achegando o traballo das mulleres gandeiras á poboación máis nova.

Xuntanza de Mulleres Rurais

Ademais, este domingo 15 de outubro, cno motivo da celebración do Día da Muller Rural, a asociación “Mulleres de Seu” reunirase en Melide no encontro de Mulleres Rurais organizado pola Asociación Alecrín. Este evento servirá como homenaxe ás traballadoras do rural e contará con institucional, acollendo a personalidades como Susana López Abella, conselleira de Emprego e Igualdade ou Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira do Medio Rural.

Loitas e recoñecementos

Ao longo destes anos, representantes de “Mulleres de Seu” levaron as súas demandas a Bruxelas, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia. E teñen recibido importantes recoñecementos ao seu labor como o Premio á Igualdade de Oportunidades por parte de Cooperativas Agroalimentarias de España; o Premio pola Innovación da Muller no Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader); a Medalla Emilia Pardo Bazán da Xunta de Galicia, un recoñecemento público polas accións realizadas en Galicia que contribúen á defensa da igualdade; e o Premio Muller Agro, que outorgan Siete Agromarketing e Comercio Agrario, un premio moi especial para a asociación dado o gran recoñecemento que desde a Consellería fixeron polo traballo que realizan en “Mulleres de Seu”.

Mulleres de Seu, 2023-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES